O BNG demanda maior limpeza na Cidade Histórica

O BNG demanda maior limpeza na Cidade Histórica

Incide tamén na falta de contedores para a separación de residuos, un factor clave para a concienciación ambiental, que non se facilita nin se fomenta onde hai grandes aglomeracións de xente en Compostela

O grupo municipal do BNG, ante a acumulación de lixo na Cidade Histórica pola alta afluencia de visitantes, demándalle ao Goberno local que efectúe maior limpeza nesta zona e dispoña de contedores de maior tamaño, se fose necesario.

Son numerosas as papeleiras que se atopan rebordadas de lixo ante os milleiros de persoas que visitan a Cidade Histórica a diario, especialmente durante os meses de verán, o que provoca sucidade, malos olores e unha situación que pode ser insalubre coa calor.

O grupo municipal do BNG recibiu queixas de comerciantes e de persoas que residen na Cidade Histórica porque as papeleiras, de escaso tamaño para as necesidades estivais, están rodeadas de envoltorios, botellas, bolsas, cabichas e papeis que depositan as persoas que veñen en excursión ou de peregrinación.

Incide tamén na falta de contedores para a separación de residuos sólidos, un factor clave para a concienciación ambiental, que non se facilita nin se fomenta onde hai grandes aglomeracións de xente en Compostela.

Comentarios