O BNG ve a situación da EDAR realmente preocupante

O BNG ve a situación da EDAR realmente preocupante

“Estamos no minuto de desconto porque se necesita tempo entre trámites administrativos e a construción e ten que estar rematada en 2023”

Para o BNG "a experiencia do último ano o que nos demostra é que cada vez que o alcalde vai a Madrid ter unha xuntanza con motivo da nova EDAR para a cidade e volve moderadamente satisfeito dista moito do que logo acontece".

"Á hora de facer valoracións o grupo municipal do BNG vai ser moi cauto porque, de momento, soamente temos a versión do acontecido na xuntanza co secretario do Estado Medio Ambiente por parte de Compostela Aberta e non sería a primeira vez que esa versión difira moito do que di posteriormente o propio Ministerio". 

O BNG está preocupado por esta situación porque Martiño Noriega volve de Madrid sen a resposta á pregunta crucial: “É posíbel realizar a nova depuradora na localización actual EDAR na Silvouta sen informe de Impacto Medioambiental completo? Esa é a pregunta clave que volve quedar sen resposta e o único que fan é emprazar ao goberno de Santiago a unha nova xuntanza para o mes de setembro. Seguimos a perder meses imprescindíbeis para cumprir co obxectivo de ter rematada unha nova depuradora para a cidade de Compostela antes do remate do ano 2023 e así non perder os 44 millóns de cofinanciamento europeo".

O grupo municipal do BNG insta a Martiño Noriega a que explique cal sería a súa alternativa, en caso de que sexa obrigatorio ter un informe de Impacto Medioambiental completo ou se tecnicamente a solución proposta polo grupo do goberno do Concello de Santiago non é viábel.

Comentarios