"O Goberno de CA continúa tendo paralizado o proxecto de recuperación do Castelo da Rocha"

"O Goberno de CA continúa tendo paralizado o proxecto de recuperación do Castelo da Rocha"
"O Goberno de CA continúa tendo paralizado o proxecto de recuperación do Castelo da Rocha"

"O Castelo da Rocha, que no seu tempo foi un símbolo do poder de Santiago, é hoxe o símbolo dun Goberno sen capacidade para avanzar na súa recuperación"

O recinto da que se considera unha das maiores fortalezas galegas e referencia fundamental na historia da cidade e da Galicia medieval continúa á espera de que se materialice a súa definitiva posta en valor a través do Plan Especial aprobado pola Corporación en xaneiro de 2015, culminando así os labores de posta en valor e difusión deste enclave iniciados a principios da década pasada.

Unhas actuacións iniciais que se reforzaron a partir do ano 2013 coa maior intervención para a súa recuperación, propiciada pola concesión por parte do Ministerio de Cultura dunha subvención dun millón de euros para este fin. Deste xeito, intensificáronse os traballos arqueolóxicos e leváronse a cabo accións de promoción e difusión do xacemento: páxina web, libro explicativo, visitas programadas e, en colaboración co Consorcio de Santiago, a realización dun Plan Especial de protección e acondicionamento do Parque Arqueolóxico da Rocha, aprobado polo Pleno da Corporación en xaneiro de 2015 e publicado no BOP do 15 de abril daquel mesmo ano.

Como complemento, a partir da primavera de 2014 iniciáronse un conxunto de visitas guiadas, dirixidas por guías especializados contratados polo Concello, para aproximar a historia do lugar e os avances que se ían producindo nos traballos arqueolóxicos para sacar á luz os restos que permaneceron ocultos durante séculos.

Do impulso para a recuperación ao estancamento

"Co cambio de Goberno, un informe municipal que o Goberno do Partido Popular lle deixou a Compostela Aberta en 2015 daba conta da planificación prevista para continuar coa posta en valor da fortaleza e do seu contorno, que pasaba pola expropiación de bens e dereitos para levar a cabo os proxectos contidos no citado Plan Especial, entre eles, o aparcamento, a edificación dotacional ou os camiños interiores do parque.", afirma o Partido Popular.

"Transcorridos máis tres anos do actual mandato de Compostela Aberta, a recuperación do Castelo da Rocha segue paralizada. As únicas novas actuacións realizadas neste período limitáronse a dar os primeiros pasos para poñer en marcha o expediente de expropiación e o acordo no pasado mes de marzo da inclusión do proxecto de acondicionamento interior do Castelo da Rocha na planificación da EDUSI por un importe de 99.144 euros, dos que o 80% serán de financiamento europeo e un 20% de achega municipal". 

"Na actualidade, o proxecto do acondicionamento interior do recinto arrastra un considerable retraso, xa que na propia proposta elaborada polo grupo de Goberno se sinala que as obras deberían comezar en abril de 2018 e que terían un prazo de execución de 6 meses, coa que a finalización se produciría en setembro de 2018. O certo é que a día de hoxe non se ten noticia da exposición pública do proxecto nin da realización dos pregos de condicións para proceder á licitación das obras, como pasos previos á selección da empresa adxudicataria, polo que resulta imposible que se cumpran as previsións do Goberno para rematar as obras o mes que vén".

Paralización do proceso para obtención dos terreos e supresión das visitas

"Por outra parte, o proceso expropiatorio necesario para desenvolver aspectos claves do Plan Especial, como a mellora dos accesos e a construción dun aparcamento na contorna, atópase paralizado desde que, en decembro de 2016, se expuxera ao público a relación de bens afectados e se abrira un período de un mes para as alegacións. Transcorrido máis de un ano e medio o Goberno continúa sen resolver as alegacións, o que impide avanzar nun proceso esencial para favorecer a achega da cidadanía a este enclave e darlle resposta a unha continuada demanda da Asociación Cultural Rocha Forte, impulsora da proxectada recuperación". 

"Xunto coa demora nas actuacións para recuperación e posta en valor, o Goberno local contribúe a manter no esquecemento o Castelo da Rocha. Durante este ano –como tamén o fixera en 2016- suprimiu as visitas guiadas, de carácter divulgativo e didáctico, que durante a primavera e desde 2014 se viñan organizando para particulares e colectivos escolares e culturais; o valado perimetral que debería protexer o recinto arqueolóxico presenta varios tramos forzados polos que se pode acceder ao interior, os paneis informativos colocados no seu día son ilexibles e dos labores de mantemento no arredor unicamente parecen encargarse uns cabalos de propiedade privada que, ás veces, aproveitan o pasto amarrados á beira do peche". 

"O Castelo da Rocha, que no seu tempo foi un símbolo do poder de Santiago, é hoxe o símbolo dun Goberno sen capacidade para avanzar na súa recuperación".

Comentarios
Lo más