Ames porá en marcha este ano un novo espazo de Coworking e emprendemento

Ames porá en marcha este ano un novo espazo de Coworking e emprendemento

O Goberno de Ames ven de acordar con Santiago Sur Galicia a adquisición do local no Parque empresarial Novo Milladoiro

O novo centro de coworking busca ser un espazo de traballo destinado a fomentar o traballo colaborativo coa implantación de profesionais de diferentes sectores, autónomos e emprendedores, para o desenvolvemento dos seus proxectos. Os profesionais compartirán o mesmo espazo, fomentando así as sinerxías, a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade. Os emprendedores ou empresas que queiran facer uso destas novas instalacións, deberán darse de alta no novo servizo e poderán realizar o seu traballo de forma individual nunha zona colectiva con acceso a internet e outros servizos, ou nun espazo máis privado. O novo espazo exponse como a solución ideal para aqueles profesionais e autónomos, freelances ou microempresas que queren evitar o aillamento con todo o que supón, e aforrar custos creando sinerxías e facilitando a conciliación, eixe principal do Concello de Ames.

Apoiar a creación e consolidación de empresas

Mediante a instalación de empresas de nova creación no coworking, nace o obxectivo de contribuír a súa viabilidade a través da disposición de instalacións e a prestación de servizos a baixo custo. O novo espazo de Ames pretende estar incluído na rede provincial de xeito que se coordine con todos os centros de traballo integrados na mesma, dotándoos de servizos homoxéneos, programas de consolidación e crecemento das empresas aloxadas, metodoloxía común, imaxe única e coordinada e sobre todo, traballo en rede que permita un mellor aproveitamento dos recursos públicos e privados en beneficio das persoas emprendedoras e das empresas. Incidirase nunha maior especialización e reforzarase a cooperación e coordinación entre as organizacións que prestan servizos a emprendedores na provincia.

O Concello de Ames buscará asinar un convenio coa Diputación de A Coruña enmarcado no Plan de emprego local. A creación e posta en marcha deste espazo de traballo colaborativo (coworking) no polígono empresarial do Milladoiro tería un seguimento e avaliación de resultados obtidos por parte da Deputación e serviría de referencia para a posta en marcha doutros espazos de traballo que se crearán no seo de Rede Provincial de Espazos de Traballo do PEL. A solicitude de convenio que desde o departamento de Promoción económica se realizou foi moi ben valorada por parte do ente provincial. O convenio atópase moi avanzado despois das múltiples xuntanzas entre ambas administracións.

Espazo colaborativo “A proa” Coworking

O local, propiedade de Santiago Sur Galicia (SSG), estará situado na entrada ao Parque empresarial Novo Milladoiro na rúa das Hedras e xunto aos lofts onde se sitúan numerosas empresas ou microempresas. O local ocuparía a planta baixa do edificio de entrada ao polígono con forma de barco e que chama a atención polo seu deseño, así como polo alto nivel de implantación de empresas do sector tecnolóxico. A elección deste local responde ás amplas instalacións que ofrecen grandes oportunidades para o seu uso, como espazo de traballo, ademais de estar ben situado a nivel de comunicacións e transporte. Conta con áreas verdes e amplas zonas de aparcadoiros e unha implantación estable de empresas do sector tecnolóxico. O feito de atoparse xusto na entrada do Parque empresarial servirá como referente e punto de información para todos aqueles emprendedores ou empresas que decidan iniciar o seu negocio en Ames. O espazo de coworking ocuparía 400 m2 con servizos de internet, reprografía, un servizo de mentorización personalizado e asesoramento, ademais de dispoñer dunha sala de reunións multimedia, sala de espera e zona de descanso.

O Goberno local ven de acordar coa entidade propietaria do local os términos do acordo para a súa posta en marcha nesta mesma anualidade conforme ao convenio que se pretende asinar coa Deputación de A Coruña. A adquisición deste novo espazo colaborativo “A proa” para Coworking, sería a través da búsqueda do cofinanciamento coa Deputación e a aportación municipal plurianual. O 100% da aportación do ente provincial sería destinado á adquisición, quedando o restante para as aportacións municipais en base ao prezo de taxación da entidade independente. O Concello ten reservado o crédito anual necesario e aprobado nos orzamentos deste ano 2018.

A Concelleira de Promoción económica, Isabel González, afirma que “a aposta polo emprego e o emprendemento terá un impulso coa posta en marcha desta nova infraestructura que afianzará o crecemento empresarial de Ames e do Parque empresarial de Milladoiro multiplicando as oportunidades de sinerxías”.

Comentarios