Mikel Azparren volve tentar hoxe o reto de completares o Camiño de Santiago en bicicleta en 24 horas

Mikel Azparren volve tentar hoxe o reto de completares o Camiño de Santiago en bicicleta en 24 horas

A saída tomouse en Roncesvalles ás 12:00 horas, agárdanlle 751 quilómetros

O ciclista vasco Mikel Azparren saíu hoxe, ás 12:00 horas, de Roncesvalles, para tentares percorrer, de xeito íntegro, o Camiño Francés a Santiago en bicicleta nun tempo inferior a 24 horas.

De conseguilo, a chegada está prevista mañá, domingo 5 de agosto, ás 12:00 horas, á Praza do Obradoiro.

Despois de realizar distintos exames médicos que descartaron doenzas e de reflexionar tralo revés da tentativa do pasado fin de semana Azparren decidiu lanzarse de novo, e por última vez, ao Camiño.

Antes de saír, manifestou: “Coma deportista que son, non o podía deixar así. Tiña que tentalo por última vez, xa que o do outro día foi algo anormal, como un mal soño”.

É consciente de que a calor será moi intensa por momentos, pero este factor tamén pode ser positivo: “Sei que as horas centrais serán duras, vou pasalo mal de entre as dúas e as catro… pero, a cambio, o vento vai soprar moi favorable e de noite, cando adoito atoparme peor, a temperatura será moi boa, arredor dos 17 graos”.

O pasado domingo tivo que abandonar en terras da Rioxa, ás catro horas, ao atoparse baleiro, sen forzas e cunha perda de case 5 quilos de peso.

Esta é a quinta ocasión na que se enfronta a esta proba que percorre o Camiño Francés completo, atravesando terras de Navarra, A Rioxa, Burgos, León, Lugo e A Coruña. Vai acompañado de 2 vehículos de apoio.

A súa mellor marca está en 24 horas 15 minutos e 35 segundos, lograda en 2015.

Neste reto, Mikel Azparren conta co patrocinio do Banco Sabadell e o apoio de Orbea, Skoda, Etxeondo, SMWautoblok e RAC (REAL Automóvil Club).

Pódese seguir o desafío nas redes sociais https://twitter.com/mikel_azparrenhttps://www.facebook.com/Mikel-Azparren-Workcycling-579812465448159/ ou coa etiqueta #santiago24h

Comentarios