Ourense avánzalles aos integrantes da Asociación de Cidades Termais de Europa (EHTTA) o programa da súa vindeira asemblea xeral na nosa cidade

Ourense avánzalles aos integrantes da Asociación de Cidades Termais de Europa (EHTTA) o programa da súa vindeira asemblea xeral na nosa cidade

O concelleiro de Turismo e Termalismo, Jorge Pumar, asistiu xunto coa deputada provincial, Ana Villarino, ao comité executivo da asociación, celebrado en Alemaña

O concelleiro de Turismo e Termalismo, Jorge Pumar, vén de presentar no Comité Executivo da Asociación Europea de Cidades Termais Históricas (EHTTA, polas súas siglas en inglés), celebrada na localidade alemá de Wiesbaden, a programación prevista para a vindeira Asemblea Xeral desta entidade, que terá lugar en Ourense entre os días 3 e 5 de outubro.

O responsable de Termalismo no Concello e a deputada provincial, Ana Villarino, foron os encargados de informar e dar a coñecer os últimos detalles sobre as actividades previstas para esta Asemblea, que será coorganizada polo Concello e a Deputación de Ourense. O encontro, que se celebrará en Ourense, ten prevista a asistencia de preto de 40 delegados procedentes de toda Europa e incluirá visitas de estudo a diferentes enclaves termais da cidade e da provincia.

No Comité Executivo que vén de realizarse en Alemaña informouse de que a programación da Asemblea que terá lugar na nosa cidade incluirá un seminario –o Café de Europa– no que se abordará o rol das vilas termais como axentes de sustentabilidade ambiental. Este evento tamén servirá para poñer o foco sobre os aproveitamentos enerxéticos vinculados aos recursos termais mineromedicinais. O seminario, aberto ao público, desenvolverase o día 3 de outubro de xeito previo a Asemblea e abordará proxectos como o Geoatlantic, iniciativa comunitaria financiada con fondos FEDER na que Ourense actúa como socio líder.

Ademais, o concelleiro de Turismo e Termalismo invitou á Asociación Europea de Cidades Termais Históricas que participe na vindeira edición da Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar (Termatalia), que terá lugar no mes de setembro na localidade de Foz de Iguazú (Brasil).

Asociación de entidades locais

A Asociación Europea de Cidades Termais Históricas vén de revalidar a súa condición de Itinerario Cultural do Consello de Europa, logo de finalizar o proceso de avaliación e calidade que o Instituto Europeo de Itinerarios Culturais realiza cada 3 anos aos diferentes rutas e redes con este distintivo.

A asociación, da que o Concello de Ourense é membro fundador, atópase a piques de celebrar o seu décimo aniversario e suma na actualidade máis de 40 destinos en 13 países de toda Europa (incorporando non só aqueles que están dentro da comunidade económica, senón adheridos ao Consello de Europa: Acerbaixán ou Turquía, entre outros).

En España, ademais de Ourense, actualmente tamén forman parte da EHTTA a Eurociudade Chaves-Verín, a Xunta de Galicia (a través da Axencia de Turismo de Galicia), e vén de incorporarse tamén o goberno provincial, ambos como membros asociados (a categoría de “membro activo” está reservada só ás cidades).

A EHTTA é unha asociación internacional que ten a particularidade de estar constituída no seu maior parte por corporacións locais. É un proxecto liderado polas propias cidades membro e as súas políticas públicas. Ten detrás, por tanto, un compromiso político que fai transcender os principios da asociación ás axendas municipais chegando, a final de contas, ao cidadán. A asociación xurdiu nun momento en que o turismo de saúde estaba a consolidarse como un produto turístico central para Europa, gañando máis e máis peso nunha sociedade preocupada polo coidado do corpo e a saúde, pero sobre todo cunha taxa de envellecemento moi alta.

Comentarios