O BNG recorda que aínda non se instalou a marquesiña de transporte escolar en Roxos

O BNG recorda que aínda non se instalou a marquesiña de transporte escolar en Roxos

Despois de 9 meses da petición, advírtelle da falta de seguranza viaria ao Goberno de Martiño Noriega para que se coloque antes do inicio do curso

O grupo municipal do BNG trasladoulle ao Goberno de Martiño Noriega, en novembro de 2017, a demanda veciñal de Roxos para que se instale unha marquesiña que dea servizo ao transporte escolar, co fin de dotar os lugares do rural que carecen destas instalacións e de mellorar este servizo público.

Deste xeito, o BNG recibiu queixas de Roxos, onde nenos e nenas deben agardar polo transporte escolar nunha curva dunha estrada sen beirarrúa nin marquesiña, o que representa un perigo para a seguranza viaria. Na actualidade, as obras de realización da senda peonil chegan até ese punto onde para o transporte público colectivo, polo que cómpre instalar a marquesiña.

Para o BNG é necesario analizar e atender as peticións de novos puntos de instalación de marquesiñas, non en termos economicistas senón de servizo público, de fixación de poboación no rural e de seguranza viaria para escolares e persoas maiores, de xeito prioritario. A falta deste tipo de espazos cubertos supón un agravio para a veciñanza do rural que precisa incrementar a dotación de instalacións e de servizos públicos que tamén contribúen a revitalizar o crecemento demográfico.

Comentarios