A obra e o pensamento arquitectónico de Alejandro de la Sota protagonizan unha mostra que se inaugurou onte na Alameda de Santiago

A obra e o pensamento arquitectónico de Alejandro de la Sota protagonizan unha mostra que se inaugurou onte na Alameda de Santiago

A exposición, deseñada por Trespes Arquitectos, está composta por oito prismas de base cadrada 

O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) inaugurou onte na Alameda a exposición “Alejandro de la Sota 1913-1996” en Santiago, promovida polo Colexio en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) con motivo dos actos de homenaxe ao arquitecto Alejandro de la Sota que se celebran durante 2018. O acto, que se celebrou na entrada do Paseo da Ferradura da Alameda de Santiago (onde se instalou a mostra), contou coa asistencia do decano do COAG, Antonio Maroño, o presidente da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos, Santiago García, un dos comisarios da exposición, Alberte Pérez, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, así como outros directivos colexiais e membros da corporación municipal.

Trátase dunha exposición na rúa, concibida para que os cidadáns a poidan visitar e percorrer de forma pausada, que viaxará ás sete cidades galegas, permanecendo quince días en cada unha, neste caso estará en Santiago ata o 19 de agosto. A mostra amosa as obras de Alejandro de la Sota Martínez e o seu pensamento arquitectónico, con fondos documentais cedidos pola Fundación Alejandro de la Sota.

A exposición, deseñada por Trespes Arquitectos, está composta por oito prismas de base cadrada –de 1,5 metros e 2 metros de altura–. Cada prisma acolle unha temática, e cada temática presenta dous proxectos. De forma diferenciada destaca o módulo no que se expoñen varias pezas de mobiliario deseñadas polo arquitecto e outro que está dedicado ao seu ideario cun ideograma con frases e anacos de memoria.

Prismas de “Alejandro de la Sota 1913-1996”

1. Presentación e habitar co proxecto “Poboado Esquivel” en Alcalá del Río, Sevilla (1952).

2. Espazos para habitar cos proxectos “Casa Guzmán” en Algete, Madrid (1972-1974, derrubada en 2016) e “Casa Domínguez” (1973-1978) na Caeira, Poio (Pontevedra).

3. Espazos para a industria cos proxectos da central leiteira Clesa (1958-1961) e Tabsa (1956-1958) en Madrid.

4. Espazos para o deporte cos proxectos do Pavillón Municipal de Pontevedra (1964-1967) e o ximnasio Maravillas (1960-1962) en Madrid.

5. Ideario, vida, natureza, arquitectura popular, creación, innovación, habitar, tecnoloxía e arquitectura.

6. Espazos civís cos proxectos do Goberno Civil de Tarragona (1957-1964) e o edificio de Correos e Telecomunicacións de León (1981-1984).

7. Espazos para a docencia cos proxectos do Colexio Maior César Carlos (1963/1967-1971) na cidade universitaria de Madrid e o aulario da Universidade de Sevilla (1972-1973)

8. Mobiliario

Sota mestre e Sota arquitecto

Alejandro de la Sota Martínez (Pontevedra, 1913 – Madrid, 1996) foi un dos arquitectos españois mais prestixiosos e recoñecidos do seu tempo. A súa arquitectura, desde os seus inicios na profesión, enlaza co pensamento máis avanzado do Movemento Moderno europeo. A súa forma de abordar o proxecto a través da idea, dunha argumentación conceptual e abstracta, da experimentación no uso dos materiais e dunha expresividade concisa e elocuente, ocupan un lugar central no discurso intelectual da arte e a arquitectura do século XX. Desde as súas propias realizacións, nas súas diferentes ocupacións como arquitecto, no Instituto de Colonización, funcionario na Dirección Xeral de Correos, e como docente na Escola de Arquitectura de Madrid, a influencia da súa obra e do seu pensamento foi inmensa, tanto na súa contorna xeracional como nas décadas posteriores, chegando ao momento actual, en que unha gran parte dos arquitectos españois considéranse os seus discípulos.

A fascinación que provoca a obra de Alejandro de la Sota non só reside na súa forma de elaborar unha arquitectura sincera, sen o menor exceso, sen o menor indicio de vaidade ou grandilocuencia. O realmente relevante é que mostrou a forma de facer da arquitectura unha forma de vivir, de entender o mundo, de gozar da cultura e o coñecemento, de observar e de aprender. No Sota mestre e no Sota arquitecto hai unha continuidade vital, unha coherencia de formulacións e unha honestidade indisociables.

Os edificios de Alejandro de la Sota son tan queridos para os arquitectos como quizais difíciles de entender para os alleos a esta disciplina. O pasado ano comunicouse a lamentable noticia do derrubo da casa Guzmán. A súa elegante sobriedade compositiva e a súa discreción inducen á procura e ao achado de formulacións brillantes que a miúdo pasan inadvertidas. A enérxica resolución na sección do ximnasio do Colegio Maravillas (Madrid, 1961) ou a contundente composición da fachada do Goberno Civil de Tarragona (1957) son dúas imaxes icónicas do estilo internacional que, como recoñece William Curtis, aliñaban á España da autarquía na vangarda arquitectónica europea.

Comentarios