A Cámara de Comercio de Santiago fai balance de 2017 na súa memoria anual

A Cámara de Comercio de Santiago fai balance de 2017 na súa memoria anual

O presidente daquela, Jesús Asorey, resalta no limiar o “evidente e palpable” papel social das cámaras como “corporacións dinamizadoras do progreso dos seus territorios”

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela fai balance da súa actividade durante 2017 na súa Memoria anual, prologada por Jesús Asorey, que presidiu a entidade durante 20 anos ata o mes de abril deste ano, momento en que foi relevado por José Sierra logo do correspondente proceso electoral. No seu texto, Asorey chama a atención das Administracións Públicas como “responsables” das cámaras e da súa “supervivencia”, toda vez que o “sistema cameral sofre unha conxuntura moi complicada” debido ao seu actual problema de financiamento. Igualmente subliña o “evidente e palpable” papel social que desempeñaron como corporacións dinamizadoras do progreso dos seus territorios, así como “vehiculadoras” das inquietudes, aspiracións e proxectos da sociedade civil: “Unha misión pública e democrática difícil de igualar por calquera outra organización”.

En canto ás súas áreas ou departamentos, a Cámara sinala que creceron “moderadamente” as actuacións e prestacións derivadas da súa actividade ordinaria. En materia de internacionalización 123 empresas participaron en diversas accións de comercio exterior. O programa TIC-Cámaras concedeu axudas no ámbito das novas tecnoloxías a 75 empresas, dun total de 289 solicitudes. O programa INNO-Cámaras, cuxo obxecto é orientar ás empresas a través dunha metodoloxía propia, asesorou a 123 sociedades. Polo viveiro de empresas, ubicado en Costa Vella, pasaron desde o ano 2006, ano da súa inauguración, 170 empresas, manténdose a taxa de supervivencia no 76 por cento. En canto a formación, integrada principalmente por cursos e xornadas, recibiron asistencia técnica 2.290 alumnos. Ademais doutras tramitacións administrativas e certificacións, tamén é salientable a sección de programas europeos, onde se participou en seis proxectos, liderando un deles, sobre mozos emprendedores e rexeneración rural, entre outros temas.

A Cámara compostelá tamén participa nunha ducia de organismos, entre eles, o Foro Cívico-Empresarial, unha agrupación estratéxica de diferentes organizacións cidadás co fin de manter vivo o debate e a vixilancia sobre as infraestruturas e as políticas das Administracións Públicas referentes a Santiago e comarca.

En paralelo, celebráronse sete conferencias en clave de actualidade, dentro do ciclo anual que se celebra na entidade cameral, no 2017 foi o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, o encargado de inaugurar o Ciclo, tamén estiveron como relatores Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral; Javier Hernández, director da Fundación De los Pies a la Cabeza; Manuel Jabois, periodista e escritor; Senén Barro, director da Rede Emprendia, el padre Ángel, fundador de Mensajeros de la Paz; e pechou o ciclo o conselleiro de Economía, Francisco Conde.

Finalmente, cómpre destacar o número de seguidores das súas redes sociais: 3.096 en Twitter, 2.220 e Facebook e 54.292 páxinas vistas da súa web corporativa.

Comentarios
Lo más