O BNG pide á Xunta que abandone a súa prepotencia e negocie cos traballadores e traballadoras do 061

O BNG pide á Xunta que abandone a súa prepotencia e negocie cos traballadores e traballadoras do 061

Montse Prado reclama medidas compensatorias polo traslado do servizo de urxencias de Santiago ao concello da Estrada 

A portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado asistiu onte á concentración dos traballadores e traballadoras do servizo de urxencias 061 que reclaman negociar medidas compensatorias ante o traslado do servizo de Santiago de Compostela ao concello da Estrada.

Ante o edificio administrativo do SERGAS, a deputada manifestou que a Xunta debe abandonar “a súa prepotencia” e sentarse cos traballadores e traballadoras para negociar medidas contra as consecuencias do traslado do servizo entre as que destacou, o desembolso de 3.000 euros anuais por quilometraxe, busca de vivenda e colexios e conciliación laboral e familiar.

Os traballadores e traballadoras do servizo do 061 tamén reclaman que o tempo de desprazamento sexa computado como tempo laboral.

Prado recalcou que as demandas do persoal “son xustas e razoables” e lamentou que a consellería de Sanidade non amose “vontade política” ante un problema que afecta a 190 traballadores e traballadoras que desempeñan , dixo, “ un servizo fundamental para a cidadanía como é o das urxencias sanitarias, e polo tanto da saúde e da vida das persoas”.

A portavoz nacionalista de Sanidade criticou “a irresponsabilidade da Xunta e do SERGAS polo seu inmobilismo e a súa estratexia de dilación ante unha táboa de peticións que ten non seu poder desde maio de 2017 sen que fixeran nada por atender as demandas do cadro de persoal. Son cuestións básicas que afectan a súa vida e que deben ser atendidas”.

O BNG PIDE QUE COMPAREZA ALMUÍÑA PARA EXPLICAR A MORTE DUN HOME NO PAC DA ESTRADA POR FALTA DE MÉDICO

Prado lembrou que dende a chegada do PP ao goberno o deterioro da sanidade pública galega foi constante, sobre todo en materia de persoal a través dunha política de recortes con graves consecuencias para a vida. Neste sentido, explicou que o pasado sábado, no PAC do concello da Estrada , un home de 65 anos tras agardar máis de dúas horas no Punto de Atención Continuada desta localidade “falecía” ante a ausencia do único facultativo do PAC que se atopaba fora atendendo unha urxencia. A deputada explicou que o propio persoal do PAC trasladou hai tempo á consellería os problemas de falta de persoal e reclamando restituír o reforzo, petición que non foi atendida pola Xerencia do SERGAS e agora, dixo a deputada, constatamos as “desgraciadas consecuencias”.

O BNG pedirá que compareza no Parlamento galego o titular de sanidade, Jesús Vázquez Almuíña para explicar a morte de J.M.B.B de 65 anos falecido na tarde do sábado día 4 de agosto no PAC da Estrada cando a única médica do centro se atopaba atendendo outra urxencia fora.

A parlamentaria insistiu que o SERGAS debe atender as demandas do persoal sanitario que reclaman medidas urxentes contra a falta de persoal nos centros sanitarios e tomar nota das advertencias do que pode acontecer pola falta de persoal. A situación é “insostible” e os responsables están na consellería de sanidade e no SERGAS.

Comentarios
Lo más