Demandan solucións para a situación da Nave 5 da Praza de Abastos

Demandan solucións para a situación da Nave 5 da Praza de Abastos
Demandan solucións para a situación da Nave 5 da Praza de Abastos

Os populares consideran urxente poñer fin a este “cúmulo de despropósitos”

O Grupo Municipal Popular vén de denunciar “a total incapacidade por parte do Goberno de Compostela Aberta para arranxar a problemática xerada polos fracasos dos procesos de adxudicación da Nave 5 da Praza de Abastos”.

“Neste momento, están sen licitar tres postos que quedaron bacantes, situación que o alcalde se comprometera a solucionar, posto que chegou a anunciar que existían empresarios interesados nos mesmos. Pero a realidade é que os procesos de adxudicación promovidos polo Concello non atraeron nin a empresas nin a profesionais”.

“Por outra banda, nestas instalacións continúase co consumo de produtos na propia nave, algo que contravén totalmente o recollido no prego de licitación de acceso aos postos, polo que se incumpre a normativa vixente”.

O Grupo que dirixe Agustín Hernández, lembra que “foi o propio Martiño Noriega o que advertiu que de seguir con estas prácticas, procederíase a iniciar procesos sancionadores, pero novamente a realidade di outra cousa, é dicir, nada se ten feito ao respecto”.

Os populares consideran urxente poñer fin a este “cúmulo de despropósitos” e solicitan do Goberno local “unha solución clara para este espazo emblemático da cidade, que encadea varios procesos de adxudicación fracasados”.

“Cabe lembrar que en abril de 2016, Compostela Aberta iniciaba un proceso de licitación dos dez locais da Nave 5, que tivo unha moi baixa participación e a conseguinte adxudicación de tan só tres, dos que dous renunciaron. Este fracaso deu lugar, a que Compostela Aberta se vira na obriga de abrir un segundo proceso para cubrir os sete locais restantes, que tampouco resultou exitoso”. 

Comentarios