Reyes lamenta que o goberno local non atendera un rogo socialista de 2016 para crear un Centro de Prensa

Reyes lamenta que o goberno local non atendera un rogo socialista de 2016 para crear un Centro de Prensa

Reyes interésase por se agora o goberno local vai axudar economicamente "polo menos" á dotación e posta en marcha ese Centro Internacional de Prensa 

O voceiro socialista, Paco Reyes, preguntou onte a Compostela Aberta o que ten feito por tentar cumprir un rogo presentado polo seu grupo no pleno ordinario de xuño de 2016, a través do que se pedía dotar á Asociación de Xornalistas dun espazo para por en marcha un Centro Internacional de Prensa. Nesta liña, o concelleiro, que destacou a importancia que tería este equipamento para a cidade, en termos xerais, e para este gremio, dun xeito particular, lamentou que o colectivo finalmente tivese que acudir a outra administración -a Xunta- para contar cun local, que compartirá con Compostel Monumental, que "foi moi xenerosa".

Por outra banda, o edil deu conta dunha serie de queixas sobre o servizo de atención a domicilio e, a este respecto, anunciou unha serie de preguntas do seu grupo ao goberno para coñecer a alcance destas reclamacións.

Paco Reyes explicou que, tal e como figuraba no rogo presentado ao pleno de xuño de 2016, este centro de prensa funcionaría como "meeting point" para xornalistas de todas partes do mundo, prestando información e orientación, entre outras funcións, e aberto a outros colectivos.

Centros similares a éstes xa existen xa noutras localidades de España, como Madrid, Barcelona, Granada ou A Coruña, polo que para o voceiro socialista é importante que Santiago conte con un.

O voceiro quere saber as razóns polas que ao goberno local "non lle interesou" este tema "o máis mínimo" e por que non ofertaron ningún dos espazos municipais. Así mesmo, Reyes interésase por se agora o goberno local vai axudar economicamente "polo menos" á dotación e posta en marcha ese Centro Internacional de Prensa "ou esta asociación vai ter que facer o seu camiño disociada dos apoios do Concello de Santiago de Compostela". Vencellado a este tema, o edil anunciou a intención da Asociación de Xornalistas de celebrar o vindeiro ano un Congreso Internacional de Xornalistas, que reuniría na cidade a 300 ou 400 profesionais deste sector de todas as partes do mundo, e manifestou que "non sei se o alcalde o que fará será recibilos, porque iso da para unha foto para colgar na páxina web do Concello, ou pensa verdadeiramente dar un apoio polo menos financiando material para a posta en marcha deste centro".

AXUDA A DOMICILIO

Por outra banda, Paco Reyes informou de que o seu grupo presentará unha pregunta ante as queixas recibidas no servizo de atención de axuda a domicilio, neste caso relativas a unha maior rotación por parte das coidadoras, superando mesmo -segundo ditas reclamacións presentadas a este grupo- o que din os pregos. Así, os socialistas queren saber se isto é así, ademais de coñecer se é certo que hai dependentes que levan agardando polo servizo de podoloxía ou/ fisioterapia varios meses.

Reyes quere ter acceso aos informes que, como subliñou, deben facerse con carácter periódico e as inspeccións precisas, para saber e, no seu caso, esixir responsabilidades, se estas queixas de usuarios e usuarias son certas.

O concelleiro socialista instou ao goberno local a cumprir, "dunha vez", co obxectivo asinado polo alcalde antes das eleccións coa Rede Galega contra a Pobreza de chegar aos 101 euros por habitante en gasto social, ao tempo que lembrou que o camiño non semella ese cando a liquidación de 2017 arroxa datos tan preocupantes como que quedaron 1,3 millóns sen gastar en atención social primaria.

Comentarios