Comezan as obras en Compostela cunha inversión de case 3 millóns de euros

Comezan as obras en Compostela cunha inversión de case 3 millóns de euros

Castrón Douro ou Triacastela serán dúas zonas na que cambiará completamente o panorama dos dous barrios

O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Reequilibrio Territorial, Rafael Peña, deu conta hoxe do prazo de inicio e execución do Plan Municipal de Obras para este verán, que inclúe unha ducia de actuacións por importe de 3 millóns de euros.

A listaxe de obras que van comezar neste mes de agosto está composta polos accesos a Busto, o ascensor de Triacastela, a reurbanización da rúa de Castrón Douro (Fase I), Ponte Marzán a Sar, accesibilidade nas Cancelas, reurbanización do Cruceiro da Coruña, Pereiras, Accesibilidade en Santa Isabel, Bispo Diego Peláez, accesibilidade na rúa Dublín, accesos ao Palacio de Congresos, accesos Cesar- Barciela, Fase I da sinaléctica do rural ou a pavimentación da rúa do Espírito Santo, esta última prevista para o 12 de setembro.

PLAN DE TRÁFICO EN CASTRÓN DOURO

No caso da obra en Castrón Douro, en cada tramo os traballos iniciaranse na parte central da calzada, continuando despois polas beirarrúas. En todo momento quedará habilitado o acceso peonil a portais e comercios, ben polas beirarrúas preexistentes, mediante pasarelas en fase de demolicións e instalacións ou polas beirarrúas novas en fase de pavimentos e acabados. Habilitarase o acceso de vehículos a garaxes segundo as fases da obra en execución. Os cortes no acceso necesarios temporalmente para a execución de obra serán comunicados con antelación.

Este primeiro tramo en obras queda cortado ao tráfico, eliminándose o aparcamento e permitíndose só o acceso a garaxes. A ruela de Pisón córtase á circulación. Só accederán os usuarios dos garaxes existentes, entrando e saíndo pola rúa do Pexigo de Arriba, que queda toda dunha soa dirección, sentido baixada cara a praza de Marcial Villamor Varela. Só poderán circular por ela os residentes da zona. Invértese o sentido da rúa de Patio de Madres dende a rúa García Blanco, quedando de saída cara a rúa Fonte de Santo Antonio.

Estes cortes afectarán á liña 7 do transporte urbano, que baixaba por Patio de Madres. Mentres duren as obras realizará o percorrido pola praza de Galicia, rúa Doutor Teixeiro e avenida de Lugo, para baixar a rotonda inferior e continuar pola rúa de Bernardo Barreiro cara a rúa de Curros Enríquez, incorporándose de novo ao percorrido normal cara a zona de Sar.

A obra aféctalle ao tramo de Patio de Madres e a rúa de Castrón Douro ata o cruce con Curros Enríquez, cunha superficie total de 4.200 metros cadrados. Posteriormente está prevista unha segunda fase, que se afrontará con fondos propios do Concello.

O proxecto de reurbanización contempla o rebaixe da rasante da rúa, nalgúns puntos ata un metro, de xeito que se permitirá que moitas vivendas que actualmente están por debaixo do nivel da calzada queden por riba dese nivel. Deste xeito, mellorarase a accesibilidade e evitaranse os problemas de acumulación de auga que se producen na actualidade en época de chuvias. Ademais, ampliaranse notablemente as beirarrúas, o que obrigará a suprimir prazas de aparcamento. Si se manterán unha zona de carga e descarga e unha área para paradas dun máximo de 10 minutos.

A actuación contempla ademais a substitución do pavimento actual da calzada por formigón, e a creación de zonas estanciais con pavimento de pedra, unha delas á altura do regato do Cancelón.

TRIACASTELA

A semana do 20 de agosto arrancará tamén unha das actuacións máis demandadas pola veciñanza de Concheiros, como é a instalación dun ascensor na rúa Triacastela. Ten o obxectivo de mellorar a accesibilidade entre a avenida de Lugo e Concheiros. Para iso, instalarase un ascensor sensiblemente aliñado coas edificacións que dan fronte cara a avenida de Lugo, salvando na parte superior a distancia coa rúa Concheiros a través dunha pasarela. Durante os traballos tamén se renovarán as redes de saneamento, abastecemento e telecomunicacións.

OBRAS POR CATRO MILLÓNS

A obra de maior duración é a de Castrón Douro, con 18 meses previstos de traballos, seguida pola obra de rexeneración do pavimento do eixo das rúas Ponte Marzán, Sandino e Sar, con seis meses, ou a instalación do elevador en Triacastela, con cinco. O resto das actuacións terán unha duración aproximada de entre dous e tres meses.

Estas obras veñen a sumarse ás que están xa en execución dende principios de ano, como son o aparcadoiro de Conxo (120.000 euros), a renovación do céspede de Santa Isabel (600.000 euros), a reurbanización da avenida de Vilagarcía (350.000 euros) e a reforma integral do pavillón do CEIP Apóstolo Santiago (200.000). Así, o Concello inviste preto de 4 millóns de euros no que xa é o ano da obra pública do actual mandato. 

Comentarios
Lo más