Esixen a destitución da concelleira ribeirense Esther Patiño por uns comentarios nas redes sociais

Esixen a destitución da concelleira ribeirense Esther Patiño por uns comentarios nas redes sociais
Esixen a destitución da concelleira ribeirense Esther Patiño por uns comentarios nas redes sociais

Os nacionalistas xa pediran a súa dimisión en marzo por unhas declaracións machistas

A concelleira de servizos sociais, promoción social e igualdade do Concello de Ribeira, Esther Patiño fixo unhas declaracións públicas que para o BNG son inadmisibles por parte da responsable de facer políticas que favorezan a plena inclusión social.

A concelleira responsable de igualdade de Ribeira xa declarara en marzo o seguinte: “Feliz día de la mujer, pedir pacificamente salarios igualitarios para trabajos equitativos y que se termine el maltrato tanto machista como feminista. Igualdad”.

No día de onte a concelleira fixo, ante unha queixa veciñal pola falta de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida na rúa Romero Ortiz de Ribeira, a seguinte declaración: “os das cadeiras de rodas sóbralle por onde ir, sen ter que ir por esa rúa”.

Dende o BNG consideran que o comentario publicado pola concelleira de igualdade demostra "unha evidente falta de empatía cara ás persoas que teñen dificultades de mobilidade. Entendemos que a concelleira responsábel das políticas de inclusión social de Ribeira non debe permanecer no seu cargo nin un só minuto máis despois desta falta de respecto cara todas as persoas que teñen problemas de mobilidade", declaran dende a formación nacionalista.

Entenden que Esther Patiño como concelleira responsable de servizos sociais "debe ser destituída de xeito inmediato". Desde o BNG denuncian como a señora Patiño non rectificara as declaracións machistas feitas en marzo e as realizadas agora "atentan contra a dignidade e dereitos das persoas con mobilidade reducida". 

Remantan os nacionalistas afirmando que as declaracións feitas pola concelleira "non teñen cabida nas institucións públicas e son intolerábeis, sobre todo de persoas que teñen un posto de representatividade pública".

Comentarios