"Compostela Aberta segue sen tomar medidas para evitar os riscos de inundación"

"Compostela Aberta segue sen tomar medidas para evitar os riscos de inundación"

 O Grupo que dirixe Agustín Hernández pregúntase ata cando os santiagueses van ter que esperar pola posta en marcha do plan de actuación en varios puntos negros da rede de sumidoiros municipal que prometera o Goberno de CA

O Grupo Municipal Popular lamenta que o Goberno de Compostela Aberta “siga sen tomar medidas para evitar os riscos de inundación despois de tres anos de mandato. Cabe salientar que, xa en 2015, o Goberno de Martiño Noriega presentou un plan de actuacións en 19 puntos, pero parece que nada se ten feito a tenor das inundacións que se produxeron na noite de onte, en zonas como Mestre Mateo, Fonseca, Frei Rosendo Salvado, Franco, avenida de Lugo, Castiñeiriño ou San Lourenzo entre outras”.

“As tormentas que tiveron lugar en Santiago son episodios que se repiten de forma periódica, non se tratan de fenómenos extraordinarios. Cabe lembrar que o pasado verán as chuvias deixaron unha larga lista de incidentes en Santiago, producíndose a situación máis grave no polígono do Tambre, onde a vía principal quedou totalmente anegada”.

Os Populares consideran que “a falta de interese de Compostela Aberta está prexudicando notablemente a Santiago, posto que son incapaces de xestionar as cousas máis sinxelas da cidade, como é, neste caso, manter limpos os sumidoiros, para que, cada vez que se produce unha incidencia deste tipo, non se inunden as rúas e se aneguen os locais. Un ano máis os veciños son os que sofren as consecuencias dunha notable mala xestión do Grupo de Goberno, que segue sen considerar que os problemas que xeran as inundacións teñen que ser prioritarios”.

Así mesmo, o Grupo que dirixe Agustín Hernández pregúntase ata cando os santiagueses van ter que esperar pola posta en marcha do plan de actuación en varios puntos negros da rede de sumidoiros municipal que prometera o Goberno de CA no ano 2015.

Os Populares fanse eco tamén das queixas dos veciños pola falta de limpeza e retirada da acumulación de follas, situación esta que pode estar na orixe dalgúns dos casos puntuais.

Por outra banda, insisten nalgunha medida que xa tiñan solicitado como a importancia de establecer unha coordinación cos servizos de Meteogalicia, para crear un sistema de avisos para que os servizos de emerxencia poidan estar en prealerta e actuar coa desexable anticipación.

Para o grupo Popular, está claro que “o Goberno de Martiño Noriega volverá a xustificar que Santiago sufra asolagamentos, botándolle a culpa aos problemas estruturais, un argumento moi empregado por CA”.

Comentarios