O Concello de Padrón acomete "con boa acollida" un plan de limpeza das rúas do centro urbano

O Concello de Padrón acomete "con boa acollida" un plan de limpeza das rúas do centro urbano

Os traballos de lavado con auga a baixa presión, que comezaron polas rúas Rosalía de Castro, Juan Rodríguez e Ruiz Pons e polas prazas Rodríguez Cobián e Ramón Toxo, abarcarán a todo o núcleo urbano

O Concello de Padrón comezou hai uns días a desenvolver por primeira vez un plan de adecentamento e limpeza das rúas do centro urbano, para cuxa execución decidiu investir 1.500 euros na adquisición dunha máquina hidrolimpadora.

Segundo indicou o concelleiro de Servizos Básicos, Javier Guillán, estas tarefas de lavado que se levan a cabo con auga a baixa presión para non erosionar a pedra, "é a primeira vez que se realizan nas rúas empedradas e están a ter moi boa acollida por parte da cidadanía".

As tarefas de limpeza coa máquina adquirida comezaron polas rúas Rosalía de Castro, Juan Rodríguez e Ruiz Pons e polas prazas Rodríguez Cobián e Ramón Toxo e, segundo adiantou Javier Guillán, levaranse a cabo en tódalas rúas do núcleo urbano.

Tras subliñar que "polo momento só se realizou un 15% do traballo previsto", o edil de Servizos Básicos precisou que tódalas rúas empedradas limparanse integramente, mentres que nas vías asfaltadas lavaranse unicamente as beirarrúas.

Comentarios