Comezan as obras para a mellora do camiño de Pousada á Capela de San Xoanciño

Comezan as obras para a mellora do camiño de Pousada á Capela de San Xoanciño

No mesmo proxecto inclúese tamén a mellora do camiño situado no lugar de Sisalde, pertencente á parroquia de Ortoño, cuxos traballos comezarán tan pronto se rematen as obras na primeira vía

A primeira das actuacións, a de mellora do camiño de Pousada á Capela de San Xoanciño, divídese en 4 treitos de distintas lonxitudes e anchuras nos que se prevé a mellora da capa de rodaxe mediante tratamento asfáltico superficial, previa canalización de 155 metros de tubería de 400 milímetros de diámetro e execución de arquetas para recollida de augas pluviais. Esta actuación permitirá mellorar a comunicación cun dos puntos máis frecuentados polos veciños e veciñas da parroquia, a capela de San Xoanciño. Alí desenvólvense actos xa tradicionais no noso concello, como a honra á Virxe de Lourdes coa confección dunha gran alfombra floral ou o clásico Belén polas festas do Nadal.

A outra actuación consiste na pavimentación dun camiño situado no lugar de Sisalde (Ortoño) dividido en tres treitos e no que se vai a aplicar unha capa de quince centímetros de formigón. Tamén se acondiciona un sobreancho de 80x4,50 metros realizado neste caso mediante seis centímetros de aglomerado en quente. Estes traballos comezarán tan pronto se remate coas obras do camiño de Pousada á Capela de San Xoanciño.

Remate das obras en Caroubáns

Asemade, veñen de rematar os traballos para a mellora doutro camiño no núcleo de Caroubáns, na parroquia de Covas. Desta volta, mellorouse o pavimento cun aglomerado novo, permitindo un mellor acceso a esta vía desde a estrada CP-0203. O goberno local ten intención de facer traballos de mellora tamén na praza e optimizar un camiño que serve de conexión coa estrada AC-544, que une Bertamiráns e Negreira.

Para Blas García, concelleiro de Obras e Servizos Básicos, estas melloras reafirman “a aposta deste goberno por mellorar o rural do noso concello. Somos conscientes da necesidade que teñen as diferentes parroquias de Ames de mellorar as vías de comunicación e, desta volta, permitiremos un mellor acceso á capela de San Xoanciño e xa finalizamos a pavimentación no lugar de Caroubáns. Esta é a liña a seguir, como demostra o recente inicio da licitación das obras de mellora dos camiños de Santo a Mourigade e de Maguxe a Lapido, ambos na parroquia de Ortoño”.

Comentarios