Comeza o proceso para reurbanizar a rúa Batalla de Clavijo e a reforma da praza da Constitución

Comeza o proceso para reurbanizar a rúa Batalla de Clavijo e a reforma da praza da Constitución

As dúas obras son "moi demandadas pola veciñanza" aclarou o alcalde da cidade

A Xunta de Goberno vén de aprobar, na súa sesión ordinaria do venres, o inicio do procedemento de adxudicación de dous proxectos "moi demandados pola veciñanza", como son a reurbanización da rúa Batalla de Clavijo e anexas (fase I) e as obras de reforma do parque infantil da praza da Constitución (pistas de skate). Ambas actuacións supoñen un investimento de algo máis de 875.000 euros.

No caso de Batalla de Clavijo e da escalinata de Bispo Teodomiro, trátase dunha primeira fase que será financiada con cargo aos fondos europeos do programa ReVive Edusi-Santiago e que ten un orzamento de licitación de preto de 527.000 euros. A actuación afectará a unha superficie de case 2.600 metros cadrados e ten un prazo de execución de 6 meses. A rúa Puente la Reina e as escalinatas de Cebreiro e Raíña Lupa quedarían incluídas da Fase II da actuación, esta xa financiada con fondos propios.

CONVIVENCIA NOS ESPAZOS

O segundo inicio de licitación correspóndese con outra demanda histórica da veciñanza, sobre todo da mocidade de Compostela. Trátase da obra de reforma do parque infantil da praza da Constitución, que levará aparellado o deseño de novas pistas de skate. A actuación ten o obxectivo de xerar espazos que poidan ser utilizados polos diferentes usuarios e usuarias, mellorando a convivencia neste punto da cidade. As actuacións comprenden o arranxo do mobiliario existente, a construción dunha "skatepraza" no paseo que comunica a praza da Constitución coa praza do Miradoiro, retirando os bancos actuais por uns novos que sirvan como obstáculo para a práctica deste deporte. Tamén se mellorará a accesibilidade e adaptaranse as escaleiras de acceso dende Ramón Piñeiro.

A actuación conta cun orzamento de case 350.000 euros e ten un prazo de execución de catro meses. 

Comentarios