O voceiro socialista aposta por un Pacto polo Comercio para atallar os problemas do sector

O voceiro socialista aposta por un Pacto polo Comercio para atallar os problemas do sector

Para o concelleiro socialista, a existencia de tantos locais baleiros "pon de manifesto o problema do comercio, que para nós e importante"

O voceiro socialista, Paco Reyes, comparecía onte en rolda de prensa para amosar as fotografías de 120 baixos da cidade baleiros e denunciar, con estas imaxes -que matizou que poderían ser moitísimas máis porque se trata unicamente dunha mostra realizada en pouco tempo-, os problemas que ten o sector do comercio en todo Santiago, pero dun xeito máis importante en barrios como Conxo ou o Ensanche. Reyes, que subliñou que cada ano por estas datas fai este percorrido e moitos dos locais seguen baleiros co paso do tempo, apostou por un Pacto polo Comercio.

Para o concelleiro socialista, a existencia de tantos locais baleiros "pon de manifesto o problema do comercio, que para nós e importante". A este respecto, Reyes preguntou ao goberno de Compostela Aberta polas propostas postas enriba da mesa polo grupo do PSdeG ao longo deste mandato, e que así figuraban no programa electoral socialista, ao tempo que criticou que "máis aló da redacción dun Plan de Comercio e dalgunha reunión da Mesa sectorial", o certo é que non se desenvolveou medida ningunha. De feito, cuestionou que dun orzamento de 104 millóns de euros, unicamente 300.000 sexan destinados a promoción comercial e que, ademais, teña quedado sen gastar -segundo a liquidación de 2017- o 25% desa partida.

O edil citou accións defendidas polo PSOE que "non teñen atendido, como as campañas de promoción mensuais; o impulso dos centros comerciais abertos, o plan municipal de apoio ao comercio electrónico; a busca dunha solución para o parking de Área Central e a posta en marcha dun plan de aparcadoiros para o conxunto da cidade; a tarxeta para fidelizar a estudantes que non pernoctan en Santiago; o acordo coa Cámara para acompañar a emprendedores durante a tramitación para apertura de novos negocios -coaching-; ou a vinculación de Área Central con As Cancelas para unir sinerxias que reforcen ambas superficies e, despois, únanse co centro da cidade".

Con estas medidas, dixo Reyes, podería darse un pulo importante á creación de novas empresas e negocias, que durante a etapa de Bugallo chegou a 13.134 segundo o IGE e aínda non se ten recuperado -os últimos datos do Instituto Galego de Estatística falan de 12.125-. "O máximo que se conseguiu es igualar o número de empresas que abren coas que pechan", dixo Reyes, que cualificou ao sector comercial como "gran fonte de riqueza para Santiago".

En base a todo isto, o concelleiro socialista apostou pola necesidade de impulsar un Pacto polo Comercio Local, que integre a forzas políticas e ao sector para chegar a acordos cun orzamento axeitado que poida atallar os problemas detectados.

Comentarios