A oposición abandona o pleno no que o goberno pretendía aprobar, no oitavo mes do ano, os presuposto de 2018

A oposición abandona o pleno no que o goberno pretendía aprobar, no oitavo mes do ano, os presuposto de 2018

Para os partidos da oposición, este presuposto que o goberno do PP e do PGD presenta “no oitavo mes do ano” non é máis que “un copia e pega” do aprobado no 2017

Os partidos políticos que conforman a oposición padronesa -PSdG - PSOE, Veciños de Padrón e AxP e en representación do BNG e CIPa que non poideron asistir-, abandonaron o pleno extraordinario convocado polo goberno do PPGD coa pretensión de aprobar os presupostos do curso 2018, 8 meses despois de comezar o ano e fora do prazo legal.

Así, nun comunicado lido no pleno en nome de todos os partidos, a oposición manifestou a súa “disconformidade” con un goberno que, “de ser serio”, xa estaría a traballar no orzamento do 2019 ano co obxectivo de “presentalo no prazo legal establecido que supón unha aprobación inicial en outubro e outra definitiva en decembro”, e non facéndolle perder o tempo “aos concelleiros e concelleiras da oposición e a toda a cidadanía”.

Para os partidos da oposición, este presuposto que o goberno do PP e do PGD presenta “no oitavo mes do ano” non é máis que “un copia e pega” do aprobado no 2017, e que só ten por obxectivo “dar cobertura ao clientelismo político posto en marcha polo goberno do PP e acentuado coa chegada do PGD ao goberno”, supoñen, que de cara “ás eleccións do 2019”. E tamén a unha política baseada no fraccionamiento do obxecto dos contratos así como na continuidade de diferentes contratos prorrogados e non licitados, o que supón unha clara vulneración da lexislación relativa aos contratos da Administración Pública.

Tras a lectura deste comunicado, no que tamén acusaron ao goberno de deixar no caixón “todas e cada unha das propostas” presentadas polos diferentes partidos ao longo destes tres anos, e de “incumprir a súa palabra de dialogar e negociar os presupostos co resto de partidos”; a oposición ao completo abandonou o salón de pleno, deixando ao goberno de Antonio Fernández e Anxo Rodríguez en solitario ante unha situación que non dubidan en afirmar “está levando a Padrón á máis absoluta ruína”.

Comentarios