Ritmo, festa e arte chegan esta fin de semana da man do DesOrdes Sonoras

Ritmo, festa e arte chegan esta fin de semana da man do DesOrdes Sonoras

A festa rachada chegará a partir das 22 horas coas actuacións de Hermanos L, Boyanka Kostova, Mounqup e SSSEKONE vinil set

A undécima edición do festival de arte urbana DesOrdes Creativas segue o seu curso tal e como estaba previsto. Fachadas, valos e espazoos da vila de Ordes xa locen obras e murais de Animalito Land, Lidia Cao, Minia Regos e Miguel Peralta.

Pero un dos pratos fortes chega hoxe sábado, 11 de agosto, co DesOrdes Sonoras, o cal terá lugar no céntrico parque da Constitución. Ás 13 horas dará comezo a sesión vermú, que estará amenizada pola sesión que ofrecerá SSSEKONE vinil set. Previamente, a partir das 11, e novamente dende as 16 horas Nove Noel ofrecerá unha exhibición de pintura en vivo no mesmo lugar.

Outras das iniciativas prevista é o obradoiro de pintura mural para os nenos e nenas inscritos previamente, e o roteiro guiado polos distintos murais espallados polo núcleo urbano, o cal partirá tamén do parque da Constitución ás 19 horas. A festa rachada chegará a partir das 22 horas coas actuacións de Hermanos L, Boyanka Kostova, Mounqup e SSSEKONE vinil set. 

Proxeccións e realidade aumentada

Unha das novidades que presenta o programa deste ano son as proxeccións que se levarán a cabo na fachada do Concello da man de A.L. Crego. Non será a única ubicación escollida senón que ademais, e aleatoriamente empregando un vehículo, tamén se poderán contemplar imaxes sobre paredes, fachadas e espazos do casco urbano ao longo da noite.

Tamén da man de A.L. Crego, quen queira poderá ver distintos lugares e Ordes dun xeito novidoso. A través da App gratuíta Artivive App terá a posibilidade de contemplar distintos puntos da vila en realidade aumentada. Entre estes espazos e elementos figuran os muráis situados no IES Maruxa Mallo (INO), no Matadoiro (SR.X), nas rúas Recreo e Escolar (Malakkai), a fiestra lateral dereita da igrexa, traseira e pasarela do Concello, cartel informativo paseo fluvial Ramiro Recouso Liste, ademais dos flyers e carteis do festival (máis información n Facebook do festival e en www.desordescreativas.com ).

Organizado polo Concello de Ordes esta iniciativa, que finalizará o vindeiro domingo, está cofinanciada pola Deputación da Coruña, patrocinada por pinturas Proa e Loxam Hune. Tamén conta coa inestimable colaboración de Mutante (arte, deseño e comunicación).

Comentarios