Ames comenza a licitar as melloras en Punxeiras Baixas e Seares de Abaixo

Ames comenza a licitar as melloras en Punxeiras Baixas e Seares de Abaixo

O concelleiro Blas García, afirma que as actuacións a desenvolver en Punxeiras Baixas e Seares de Abaixo axudarán a “conservar e mellorar as infraestruturas do rural, facilitando unha mellor accesibilidade e dotando de maior seguridade a estes lugares”.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o inicio do expediente de contratación, mediante procedemento aberto, das obras de mellora dos camiños en Punxeiras Baixas, na parroquia de Ortoño, e Seares de Abaixo, na parroquia de Ames, por un importe de 52.250,22 euros. 

Este proxecto sufragarase coa subvención de 43.182 euros, que achega a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a través do plan de mellora de camiños municipais 2018-2019. O importe de 9.068,22 correspondente ao IVE será asumido polo Concello de Ames.

O proxecto técnico denominado Camiño en Punxeiras baixas e outros recolle a mellora de dous camiños: o viario de Punxeiras, que vai dende a escola unitaria, e o camiño que bordea o lugar de Seares de Abaixo. 

As actuacións previstas no mesmo van encamiñadas a incrementar a largura dos camiños, incidindo na mellora da seguridade e permitindo o cruzamento dos vehículos en zonas de curva de baixa visibilidade ou entroncamentos, e reforzar o firme existente, coa incorporación de novas capas das mesmas características que as existentes, as marxes dos camiños e terrapléns.

No lugar de Seares de Abaixo, os traballos realizaranse en dúas zonas: no camiño da estrada DP 0201 a Seares de Abaixo, e no camiño xeral de Seares de Abaixo á estrada DP 0201. 

No primeiro dos casos, actuarase nunha vía de 370 metros de lonxitude e un ancho de 4 metros. Ao igual que no camiño de Punxeiras Baixas, procederase á limpeza de gabias a ambas marxes e a mellora da capa de rodaxe. 

Tamén se aplicará un tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochancas, perfilado de mordentes e tratamento asfáltico semiprofundo. 

Comentarios