Os mozos galegos non sofren a mellora da situación económica

Os mozos galegos non sofren a mellora da situación económica

O informe arroxa unha realidade certamente preocupante cunha taxa de paro xuvenil en Galicia do 19,1%, 5,1 puntos superior ao do resto da poboación

As mozas e os mozos galegos, a pesar do seu bo nivel formativo soportan taxas de paro superiores ao resto da poboación, fortísimas perdas de poboación activa polo efecto desánimo, altas taxas de parcialidade e temporalidade e salarios moito máis baixos. 

Isto conduce a unha situación de vulnerabilidade que urxe corrixir co fin de consolidar un mercado laboral máis xusto para todos, áxil e eficiente. 

Sobre todo, nun contexto de crecemento económico, é necesario que este chegue a todos, incluídas as persoas máis mozas.

Estas son as principais conclusións do informe realizado pola Secretaría de Igualdade, Xuventude e Movementos Sociais de UGT-Galicia sobre o mercado laboral das persoas máis mozas en Galicia, con motivo da celebración hoxe, día 12 de agosto, do Día internacional da xuventude.

O informe arroxa unha realidade certamente preocupante cunha taxa de paro xuvenil en Galicia do 19,1%, 5,1 puntos superior ao do resto da poboación, e unha taxa de actividade que se contrae nun punto e tres décimas no último ano, pasando do 63,5 por cento no 2017 ao 62,2 por cento actual.

Esta perda de actividade entre a mocidade está relacionada, non só co envellecemento da poboación, senón tamén co efecto desánimo das mozas e dos mozos galegos que, vendo poucas perspectivas de emprego, deciden continuar formándose retomando os seus estudos ou optar pola emigración cara outros contextos con maiores oportunidades.

Dende UGT-Galicia insístese en que esta realidade, a relación que existe entre a baixada do desemprego e a perda de de poboación activa, é obviada sistematicamente polo Goberno galego cando publicita os datos mes a mes o desemprego en Galicia.

Ademais, aínda que o desemprego diminúa, non se pode esquecer a lacra do paro de longa duración, é dicir, aquelas persoas que levan máis dun ano no paro. En Galicia o 30,6% das persoas desempregadas menores de 35 anos xa están nesta situación.

Preocupa un dato que arroxan as estatísticas. O 22,2% por cento das persoas desempregadas menores de 30 anos no Estado teñen educación superior (non existen datos a nivel de Galicia).

Era coñecido que a menor nivel formativo as dificultades para acceder ao mercado laboral tamén eran maiores, de feito esta taxa aumenta ata o 48% no caso daqueles que teñen, como moito, a primeira etapa de educación secundaria ou similar.

Por sectores, o 73,6% dos e das menores de 35 anos atópanse no sector servizos, caracterizado por unha maior precariedade.

Outro dato que subliña o estudo é que o 84,4% das mozas e dos mozos galegos están afiliados ao réxime xeral e o 12,4% ao de autónomos. Neste último caso, constátase unha baixada de 1.784 persoas menores de 35 anos nun ano, a pesar de que unha gran parte dos incentivos, axudas e subvencións das administracións van dirixidas ao fomento deste tipo de emprego. Para UGT- Galicia, é evidente que basear as políticas activas de emprego nestes termos non é garantía de dinamización do mercado laboral.

Unha análise da contratación das mozas e dos mozos galegos evidencia que o 21,1% dos menores de 35 anos teñen contratos a tempo parcial, fronte ao 13,8% do conxunto de idades e o 56,2% deles din que teñen este tipo de contrato porque non foron capaces de atopar un traballo a xornada completa (este último dato do Estado porque non existe a nivel de Galicia).

É evidente que a parcialidade leva consigo máis precariedade, xa que supón menos xornada e, polo tanto salario, sobre todo cando esta é involuntaria.

Para UGT-Galicia, a temporalidade é un desequilibrio básico do mercado de traballo, xa que a maioría da xuventude, para acceder ao emprego, o fai por medio da contratación temporal, sendo alarmante que isto estea asumido pola sociedade como algo normal.

Ante este problema, que xa é estrutural, as administracións dedicáronse a desenvolver políticas baseadas en incentivar a contratación de carácter indefinido, con axudas á contratación totalmente ineficaces.

Os menores de 35 anos teñen unha taxe de temporalidade en Galicia do 50,9% por cento, fronte ao 26,8% por cento que se rexistra no conxunto de idades.

A duración dos contratos é outra das grandes lacras do mercado laboral xuvenil. O 35,6% das persoas menores de 30 anos (dato estatal, non existe en Galicia) teñen un contrato cunha duración inferior a seis meses e un 40% descoñece a duración da súa contratación. Isto amosa unha gran vulnerabilidade para este colectivo.

Tamén se constata que a xuventude realiza un maior número de horas extraordinarias que o resto da poboación, un 6,1%, fronte a un 5,4%, a pesar de ter un maior número de contratos a tempo parcial. A isto hai que engadirlle que se se analiza o número de persoas que realizan horas extras, o 27% son menores de 35 anos.

Comentarios
Lo más