O Concello pide a declaración do San Martiño como festa de interese turístico de Galicia

O Concello pide a declaración do San Martiño como festa de interese turístico de Galicia

Esta é a segunda vez que o Concello tramita esta solicitude "e agardamos que sexa a definitiva" destaca Conchi García

O Concello de Teo tramita a solicitude de festa de interese turístico de Galicia para a feira do San Martiño que se celebra cada 11 de novembro na Carballeira de Francos. Trátase dunha das feiras traidicionais máis antigas de Galicia, con cinco séculos de historia documentada. 

Deste xeito, segundo explica Conchi García, concelleria de Turismo, "consideramos axeitado e necesario que a nosa feira xa conte con esta distinción coa que agardamos que se mellore a calidade do propio evento".

Esta é a segunda vez que o Concello tramita esta solicitude "e agardamos que sexa a definitiva" destaca Conchi García. Tamén adianta a concelleira de Turismo que é intención municipal "solicitar a declaración de BIC para o entorno da carballeira de Francos, lugar onde se concentra unha importante riqueza material e inmaterial".

A tramitación da feira como Festa de interese turístico tramítase diante da Axencia de Turismo de Galicia e na documentación que se achega destácase o alto valor cultural, gastronómico e etnográfico da mesma, así como as súas características como xenuína exaltación da tradición gandeira do país e como demostración da acollida, amabilidade e hospitalidade do noso pobo.

Con esta distinción preténdese incrementar e mellorar a calidade da oferta cultural, lúdica e turística do concello, protexer e conservar o patrimonio material e inmaterial do noso territorio, tanto o emblemático espazo físico onde se celebra esta festa dende hai case cinco séculos – a Carballeira de Francos forma parte do patrimonio cultural que podemos atopar no itinerario do Camiño de Santiago-, coma o apego que por ela sente a veciñanza da bisbarra, afondando asemade no valor dunha memoria oral colectiva onde a feira exerce un protagonismo único.

Son varios os requisitos esixidos para acadar a declaración solicitada tales como a antigüidade, a singularidade, o arraigo, o seu valor cultural, o esforzo orzamentario feito pola administración local. Dende o departamento de turismo local explícase que "consideramos que cumprimos con cada uns dos requisitos e nos últimos anos tense feito un esforzo municipal por mellorar a oferta da feira, sempre respectando a súa esencia".

Na memoria explicativa detállanse todas as accións realizadas nas últimas cinco edicións nas que se pode constatar a súa evolución, as melloras introducidas e os actos ou actividades realizadas para a súa mellor promoción e celebración.

Ditas accións foron segmentadas en: as manifestacións tradicionais da feira: trata de gando, comercio e exaltación da gastronomía, as manifestacións culturais etnográficas, a oferta lúdica e deportiva ou as accións de comunicación. 

Trátase de describir con rigor as facilidades de acceso, a estética, as manifestacións ou acontecementos que fagan revivir costumes e tradicións populares, o coidado da contorna urbana, monumental ou paisaxística onde se desenvolve a feira, a calidade dos actos que configuran a súa celebración, a creatividade e innovación na celebración do evento, o nivel de dotación de infraestruturas e equipamentos para a celebración da festa e a recepción de visitantes.

O valor cultural desta feira está xustificado no expediente cun informe do reputado etnógrafo Xosé Manuel González Reboredo Doutor en Historia e membro fundador do Padroado do Museo do Pobo Galego. Reboredo destaca que "o valor patrimonial da feira de Francos é que establece un contínuum entre pasado e presente de maneira que o seu aspecto xeral nin responde a unha fosilización do pasado nin a unha anulación da tradicióni, sen prexuízo de que o conxunto soubese incorporar inevitables novidades propias do tempo presente".

ANTIGÜIDADE

A feira de San Martiño figura documentada xa no século XVI. A súa existencia testemúñase por primeira vez no ano 1557 en antigos protocolos notariais que recollen documentos de carácter fiscal en relación co pago das alcabalas, os impostos que gravaban as transaccións comerciais dos cabalos na feira e que debían pagar a medias o comprador e o vendedor. 

Inicialmente existían tres feiras, como consta no Catastro de Ensenada; dúas feiras en primavera (a de Pascua de Flores e a do Espírito Santo ou Pentecoste) e unha feira en outono, a feira de San Martiño, que foi a única que chegou ós nosos días. 

A Feira de San Martiño, en novembro, pechaba un calendario anual para os tratantes de gando, no que se incluían tamén as feiras de Padrón e Compostela. A feira xorde neste couto porque Francos gozaba dunha situación xeográfica e administrativa singular. 

O lugar de Francos estaba ó pé dunha das vías principais que recorría Galicia de Norte a Sur. Unha encrucillada de vieiros que dende os tempos dos romanos, logo no Medievo e durante toda a Idade Moderna, enlazaban as Rías Baixas con Compostela ou as Terras do Ulla coa Costa da Morte.

Xustificar a singularidade da Feira do San Martiño na Rúa de Francos é doado grazas precisamente a súa antigüidade. A Feira do San Martiño é unhas das feiras de gando máis antigas de Galicia que aínda conserva a esencia, o arrecendo e outros elementos propios desas antigas feiras tradicionais, coa súa dobre concepción, por unha banda o mercado e por outra, a romaría popular cos personaxes arquetípicos como as polbeiras, os tratantes de gando... Con 500 anos de historia, segue a ser por riba de todo, unha feira cabalar, punto de encontro obrigado das persoas afeccionadas ó mundo ecuestre, máis tamén unha importante manifestación da tradición e cultura popular, de gran significación en toda a comarca e, en especial, para todos os e as teenses que celebran o seu padroeiro municipal.

Non é unha casualidade que no Entroido Rural dos Xenerais da Ulla, - declarada Festa de Interese Turístico de Galicia- o cabalo teña tamén un papel esencial nesta tradicional manifestación da nosa cultura popular. Feito que pon de manifesto a relevancia do mundo ecuestre na comarca que ten como maior exaltación a Feira de San Martiño de Francos. Para toda a bisbarra do Ulla e de Santiago, dende tempos inmemoriais, a importancia deste potente animal deixa unha pegada imborrable en todas as súas manifestacións de marcada tradición cultural – etnográfica. 

O enclave mesmo da celebración da feira na encrucillada de varios camiños históricos é outra das singularidades máis salientables é. A Rúa de Francos é unha das paradas obrigadas do Camiño de Santiago portugués ó seu paso polo Concello de Teo.

Este conxunto de alto valor patrimonial e paisaxístico conta cun dos cruceiros máis antigos de Galicia (o cruceiro de Francos), situado a rentes da ermida do Espírito Santo cuxa orixe é coetánea ó nacemento da feira. Moi preto da carballeira sitúase a pontella medieval de Paradela e o lendario Castro Lupario de indubidable interese turístico, vinculado ó Camiño de Santiago, escenario das lendas xacobeas relacionadas coa raíña Lupa. 

Por último, a súa singularidade tamén se atopa na súa capacidade de supervivencia e de autoconvocatoria. Nesta cita non desaparece o fundamental, o trato do gando, aínda que si hai unha adaptación ós tempos e ás novas circunstancias, mais a súa esencia é inmutable.

Comentarios