As Seleccións Galegas de Fútbol Gaélico acadan o Campionato Feminino e o Subampionato Masculino en Lorient

As Seleccións Galegas de Fútbol Gaélico acadan o Campionato Feminino e o Subampionato Masculino en Lorient

As finais serían, polo tanto, un dobre enfrontamento Galicia-Francia, recordando o amigable xogado en Ourense o 18 de marzo de 2017

As Seleccións Galegas de Fútbol Gaélico disputaron este fin de semana o primeiro Campionato Europeo de Seleccións, que tivo lugar no marco da programación do Festival Intercéltico de Lorient. O desempeño neste torneo consolida a Galicia como unha referencia internacional dentro deste deporte, demostrando o crecente nivel do fútbol gaélico galego no mundo.

A competición comezaba o sábado ás 10 da mañá no campo anexo ao Stade du Monsoir en Lorient, foco central das actividades do Intercéltico.

A selección masculina era a primeira en debutar, no segundo partido do grupo, vencendo ao combinado de Gascuña. No segundo encontro tocaba medirse á temible Francia, gran favorita do torneo que xa vencera de forma contundente á galega nun amigable xogado na cidade de Ourense o 18 de marzo de 2017, que acabou caendo ante a Irmandiña tras un excepcional partido. Tras unha cómoda vitoria contra Alemaña, Galicia pechaba cun empate a fase de grupos contra os anfitrións, Bretaña, rematando invicta. A final enfrontaríaos de novo ao conxunto francés, segunda de grupo.

Por outro lado, a selección feminina, que debutaba pouco minutos despois de que fixeran o propio os rapaces, tiña un comezo máis complicado: no primeiro partido medíanse á selección francesa, tamén favorita no campionato feminino. As galegas saíron máis enchufadas e decantaron a vitoria para o lado irmandiño. No segundo partido acadarían unha contundente vitoria contra a selección teutoa e pecharían de forma impecable a fase de grupos cunha terceira vitoria contra Bretaña. Ao igual que no torneo masculino, Galicia acabaría primeira de grupo (con pleno de vitorias) e se mediría de novo na final a Francia.

As finais serían, polo tanto, un dobre enfrontamento Galicia-Francia, recordando o amigable xogado en Ourense o 18 de marzo de 2017. As finais, -a masculina daría comezo ás 13:00 e a feminina ás 15:00- foron unha completa exhibición por parte de todos os cominados e igualadas ata o final, na que a sorte sería dispar. Na final masculina ambos equipos chegaron empatados ao descanso, pero o empurro francés nos últimos 15 minutos fixo que o título viaxara a Francia. Pola súa parte, a final feminina rematou en empate. Tras disputarse unha prórroga de 20 minutos, na que as forzas xa escaseaban, as galegas foron quen de alzarse coa vitoria.

Remataba así a participación de Galicia neste primeiro Campionato Europeo de seleccións, acadando o subcampionato masculino e o campionato feminino, que supón o primeiro título internacional para a Irmandiña.

Dende a Asociación Galega de Fútbol Gaélico e da Federación Galega de Fútbol valoran o desempeño das seleccións galegas como “excepcional”. “O obxectivo era acadar ambas finais e disputalas ata o final, e creo que o conseguimos. Se ademais nos traemos o título feminino, xa non podemos pedir máis”, comentan dende a AGFG. “Agora toca mirar ao mundial de Dublín 2019”.

O EuroGames 2018 (Euro Gaelique 2018) é o primeiro campionato de seleccións europeas que se celebra e contou, xunto co galego, cos conxuntos nacionais de Bretaña, Francia, Alemaña e Gascuña (inicialmente inscrita baixo o nome de Occitania). O torneo nace con afán de ter continuidade no tempo e coa intención de ir medrando e sumando máis equipos nas edicións seguintes. A súa organización foi posible grazas ao esforzo, o compromiso e o bo entendemento entre as diferentes federacións que reman conxuntamente cara un obxectivo principal: potenciar o fútbol gaélico entre os nativos.

Dende a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG), ponse de relevo o papel da Selección Galega como chave no auxe e desenvolvemento do fútbol gaélico en Galicia, por iso é un proxecto que se está a potenciar como escaparate deste deporte. Os proxectos a curto prazo dos combinados nacionais galegos son, alén do campionato europeo, o Mundial de Dublín 2019. Tamén se está a traballar na posibilidade de realizar algún partido amigable antes do Mundial. A AGFG propuxo, así mesmo, o obxectivo de potenciar a base do fútbol gaélico, polo que se buscará nun futuro próximo poder contar con seleccións de categorías inferiores.

O proxecto da Selección Galega ten carácter afeccionado e precisa do esforzo desinteresado dun grupo de persoas moi importante para poder participar neste tipo de competicións. É por iso que a Selección transmite o seu agradecemento a todas as entidades, patrocinadores e persoas que colaboraron de diferentes maneiras no proceso de xestión e preparación:

Federación Galega de Fútbol, Camino Ways, Gaelic Sport Shop, Tórculo, Nor Rubber, Doira Guías Turísticos en Galicia, A Cova Céltica, Xuntanza Cervexería, Asociación de Veciños de Marrozos, Concello de Santiago, Concello de Lalín, Concello de Ames, Concello de A Estrada, Concello de Ordes. 

Comentarios
Lo más