O BNG organiza un acto en memoria de Ánxel Casal, alcalde asasinado a mans do franquismo

O BNG organiza un acto en memoria de Ánxel Casal, alcalde asasinado a mans do franquismo
O BNG organiza un acto en memoria de Ánxel Casal, alcalde asasinado a mans do franquismo

Será o luns, día 20 de agosto ás 12:00 na Praza 8 de Marzo e servirá para lembrar as persoas represaliadas pola ditadura

O BNG de Santiago organiza o vindeiro luns 20 de agosto, un acto aberto en memoria de Ánxel Casal, alcalde nacionalista da cidade de Compostela en 1936 cando foi asasinado a mans do franquismo. Contará coa participación de Goretti Sanmartín Rei, portavoz municipal do BNG en Santiago; e das actuación dos Enxebres de San Lázaro e de Fiz de Cotobelo (Suso Martínez ) que fará de Ánxel Casal.

Este acto reinvindicativo da súa figura e de todas as persoas represaliadas, terá lugar na Praza 8 de Marzo ao pé do que foi o almacén da editorial Nós.

En Santiago de Compostela foron 226 as persoas que padeceron algún tipo de represión, segundo datos recollidos na investigación Voces e Nomes e case cen as paseadas, executadas ou en prisión. A represión foi especialmente violenta nos anos da guerra e materializouse en Galiza no asasinato de máis de 5.000 persoas e noutras múltiples formas de violencia física: encarceramentos masivos, violacións, malleiras, rapado do cabelo, inxestión de aceite de rícino. A represión exerceuse con características especialmente violentas e machistas no caso das mulleres.

Nos anos da guerra e durante toda a ditadura franquista, a represión tivo outras múltiples manifestacións: depuración laboral, sancións económicas, espolio de bens, persecución ideolóxica, acoso psicolóxico e exclusión social, entre outras. A imposición violenta da ideoloxía, da moral, da educación e dos valores franquistas afectou a toda a sociedade e os seus efectos prolongáronse no tempo máis alá de 1975.

A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, volveu instar ao grupo de goberno de CA, tal como se aprobou en xullo de 2016, que se realice un monumento a Ánxel Casal na cidade coa inscrición das preto de cen persoas asasinadas ou que sufriron prisión da nosa cidade.

Comentarios
Lo más