En Marea quere impedir a instalación dunha planta de gas en Boiro

En Marea quere impedir a instalación dunha planta de gas en Boiro
En Marea quere impedir a instalación dunha planta de gas en Boiro

Trátase dunha instalación potencialmente perigosa que pretenden instalar en pleno casco urbano nunha zona densamente poboada

O deputado de En Marea no Parlamento, Francisco Casal, mantivo unha xuntanza cos representantes da Plataforma do Gas de Boiro e os representantes de Boiro novo Asamblea Cidadá para falar do proxecto da empresa Gas Natural no centro da vila. 

Despois de se presentar unha moción no Concello por parte de Boiro novo na que se pedía que se tomaran as medidas necesarias para impedir esta instalación, e despois da negativa do alcalde de recibir aos representantes da plataforma veciñal, o grupo de En Marea comprometeuse en levar o tema ao Parlamento.

Durante a xuntanza lembraron que as alegacións presentadas pola plataforma contra o proxecto foron avaladas coa sinatura de máis de 2.500 sinaturas dos veciños e veciñas da zona algo que parece non ter en conta o alcalde que continúa a manter unha actitude totalmente pasiva ante o problema como denunciaron desde Boiro novo.

Trátase dunha instalación potencialmente perigosa que pretenden instalar en pleno casco urbano nunha zona densamente poboada e concorrida ao ubicarse ao lado dun supermercado e numerosos negocios de restauración. 

“Instalacións deste tipo deberan situarse en todo caso en áreas afastadas das vivendas como ocorre actualmente cos depósitos ubicados en Espiñeira. O concello non debe antepoñer a comodidade da empresa por riba dos intereses da veciñanza” denunciou Dores Torrado de Boiro novo.

A finalidade de dita actuación, como sinalan desde a agrupación municipal, é substituir o suministro existente de Gas Propano por Gas Natural. 

A xente que prefira seguir co Propano, vai ver conculcados os seus dereitos contractuais presentes xa que vai ter migrar forzosamente ao Gas Natural. Denuncian así mesmodificultade para acceder á información por parte do Concello.

A necesidade de garantir os dereitos adquiridos polos usuarios e usuarias nos seus contratos de subministro de gas propano fai que dende Boiro Novo se considere necesario que a autorización e outorgamento de licenza para acometer as obras de instalación de Gas Natural debería condicionarse en todo caso á necesidade de asegurar o subministro de gas propano aos veciños e veciñas afectados que asi o desexen.

O grupo de En Marea, Francisco Casal, pola súa banda manifestou o seu apoio á veciñanza contra esta instalación e comprometeuse en trasladar o tema ao Parlamento para solicitar que sexa a Xunta de Galicia a que impida a instalación desta planta de Gas. 

“Non se pode permitir que por aforrar uns cartos coloquen unha instalación que non cumpre o PXOM e é potencialmente perigosa en pleno centro da vila” afirmou o deputado de En Marea. Critícase así mesmo que desde a dirección xeral de Enerxía e Minas que se diga que en caso de o Concello non dea resposta darán por aprobada a instalación. 

“É a primeira vez que vemos que unha instalación potencialmente perigosa se vaia aprobar polo silencio administrativo positivo” incidiu. Por todo isto, trasladarase ao Parlamento unha iniciativa para impedir este proxecto de Gas Natural no centro de Boiro. 

Comentarios