Cortes de tráfico por mor da reurbanización de Castrón Douro e Patio de Madres

Cortes de tráfico por mor da reurbanización de Castrón Douro e Patio de Madres

Os traballos realizaranse en tres fases, sendo o primeiro tramo a executar o comprendido entre as rúas de Curros Enriquez e de Pitelos

O luns 20 de agosto comezarán as obras de reurbanización das rúas de Castrón Douro e de Patio de Madres, consistentes na renovación de calzada e beirarrúas, xunto coa substitución das redes de saneamento e abastecemento de auga. Os traballos realizaranse en tres fases, sendo o primeiro tramo a executar o comprendido entre as rúas de Curros Enriquez e de Pitelos.

Como consecuencia desta primeira fase haberá os seguintes cambios na circulación:

- Este primeiro tramo en obras queda cortado ao tráfico, eliminándose o aparcamento e permitíndose só o acceso a garaxes.

- A ruela de Pisón córtase á circulación. Só accederán os/as usuarios/as dos garaxes existentes, entrando e saíndo pola rúa do Pexigo de Arriba.

- A rúa do Pexigo de Arriba queda toda dunha soa dirección, sentido baixada cara a praza de Marcial Villamor Varela. Só poderán circular por ela os residentes da zona.

- Invértese a rúa de Patio de Madres dende a rúa de García Blanco, quedando de saída cara a rúa da Fonte de Santo Antonio.

TRANSPORTE URBANO

Estes cortes afectarán á liña 7 do transporte urbano, que baixaba por Patio de Madres en sentido Aríns e Fornás. Así, mentres duren as obras, os autobuses desta liña, con saída da rúa de Valle-Inclán, farán o seu percorrido habitual ata a parada da praza de Galicia, dende onde se desviarán por Doutor Teixeiro, rúa do Hórreo, avenida de Lugo, Bernardo Barreiro e Curros Enríquez, para continuar o percorrido habitual polo barrio de Sar.

Quedará suprimida a parada da rúa de Patio de Madres. Os usuarios desta parada poden dirixirse á parada próxima da rúa Fonte de Santo Antonio nº 3. A parada situada na rúa Castrón Douro, cruce con Curros Enríquez, realizarase no mesmo cruce pero na rúa de Curros Enríquez, por onde ven o autobús desviado.

Este desvío realizarase ata o final completo das obras. 

Comentarios