O aumento do salario mínimo de convenio a 1.000 euros beneficiaría a 143.000 traballadores galegos a xornada completa

O aumento do salario mínimo de convenio a 1.000 euros beneficiaría a 143.000 traballadores galegos a xornada completa

Galicia é unha das sete comunidades autónomas que teñen unha porcentaxe maior de traballadores con salarios inferiores aos 1.000 euros do que se derivaría polo seu peso sobre o total de persoas asalariadas no conxunto nacional

UGT-Galicia ven de realizar unha análise do impacto que terá o IV AENC en materia salarial en Galicia, sobre todo, no relativo á implementación do salario mínimo de convenio a 1.000 euros (14.000 euros ao ano) en 2020. Unha medida que xa é sabido que beneficiará ás comunidades con menor nivel de renda, entre as que se atopa a galega.

Segundo a explotación de salarios no emprego principal da EPA, hai en Galicia 143.000 persoas asalariadas a tempo completo nos deciles 1, 2 e 3, é dicir, aqueles que teñen un salario inferior aos 1.000 euros. Isto sobre un total de asalariados a tempo completo de 697.100 persoas.

O 20,5% dos traballadores galegos a xornada completa perciben un salario mensual inferior aos 1.000 euros brutos

É dicir, o 20,5% dos traballadores galegos a xornada completa perciben un salario mensual inferior aos 1.000 euros brutos. Só hai catro comunidades autónomas, Murcia, Estremadura, Canarias e Andalucía, cunha porcentaxe de traballadores por debaixo dos 1.000 euros sobre o total superior ao indicador galego.

De feito, Galicia forma parte do grupo das sete comunidades autónomas (Andalucía, Murcia, Canarias, Estremadura, Galicia, Comunidade Valenciana e Castela-A Mancha) con sobrerrepresentación no número de traballadores con baixos salarios. Todas estas comunidades posúen unha porcentaxe maior de traballadores con salarios inferiores a 1.000 euros do que se derivaría polo seu peso sobre o total de persoas asalariadas no conxunto nacional.

Tomando os asalariados totais a xornada completa, Galicia ocupa o 5,5% do mesmo sobre o total do Estado pero integra ao 6,1% do total dos asalariados con salarios inferiores a 1.000 euros brutos. É dicir, que posúe unha sobreponderación en materia de baixos salarios e sitúase entre as sete comunidades con maior diferenza.

Os niveis de renda por habitante en cada territorio dependen do resultado da actividade económica nos mesmos, da súa maior ou menor xeración de valor engadido, o que, ademais, vai unido á calidade do emprego que se xera. Por iso, a maior PIB per cápita, maiores niveis salariais, en termos xerais.

Así, en Galicia o salario medio dos traballadores (supostas 14 pagas) é de 1.532 euros. Esta Comunidade está na táboa das 18 comunidades por abaixo da metade, no posto 12º. En relación ao PIB per cápita, este é de 22.497 euros por persoa, de novo, por abaixo da metade, neste caso no posto 11º. O que afecta á capacidade global de consumo e, por tanto, achega menos crecemento do seu PIB.

Por isto, o aumento dos salarios nestes territorios menos desenvolvidos e con niveis salariais relativamente máis reducidos, como é o caso de Galicia, ten un dobre efecto positivo: primeiro, reduce as diferencias de capacidade de compra e de calidade de vida entre a poboación de diferentes zonas, aumentando a cohesión territorial; e, segundo, sirve para impulsar o crecemento naquelas comunidades con tecido industrial máis fráxil e con menores niveis retributivos, ao axudar ao mantemento do consumo das familias.

Resumindo e concluíndo, o aumento a 14.000 euros do salario mínimo de convenio anual beneficiaría potencialmente a 143.000 traballadores a xornada completa en Galicia, o que supón o 20,5% do total das persoas asalariadas nesta Comunidade.

Hai que destacar que este acordo beneficia especialmente aos traballadores que desempeñan postos peor pagados, que son os máis precarios e os que máis sufriron a desvalorización salarial dende o 2009.

Por elo, axudará a reducir as bolsas de pobreza que a crise e as erróneas políticas aplicadas xeraron na clase traballadora e a diminuír as desigualdades interpersoais, entre os que menos gañan e os que perciben os salarios máis elevados nas empresas.

Ademais, este aumento terá máis incidencia relativa sobre as comunidades autónomas que concentran en maior medida aos asalariados con menores salarios, como é o caso de Galicia. 

Comentarios
Lo más