En Marea pide a exención fiscal para todos os afectados pola explosión da pirotecnia en Paramos

En Marea pide a exención fiscal para todos os afectados pola explosión da pirotecnia en Paramos
En Marea pide a exención fiscal para todos os afectados pola explosión da pirotecnia en Paramos

Tres meses despois da explosión ningunha administración asumiu as labores de desentullo nin se acometeu o plan de reconstrucción da zona afectada

Tres meses despois da explosión en Paramos, Tui, as axudas para que os veciños recuperen a súa vida normal non están alcanzando a altura das promesas realizadas nos días seguintes á traxedia. En Marea pedirá que se faga efectivo o paquete de medidas anunciado polas distintas administracións e que, ademais, se corrixan algúns dos procedementos de axuda que están prexudicando aos afectados pola explosión. Entre as peticións fundamentais está a de que as axudas que perciban os afectados sexa a fondo perdido e non teñan consideración fiscal. En Marea tamén solicitará a posta en marcha do plan de urbanización da zona afectada e unha reconsideración das axudas que non faga distingos entre primeiras e segundas residencias e inclúa os vehículos entre as propiedades a recuperar. Para o voceiro de En Marea, Luís Villares, "o balance destes tres meses é un regueiro de anuncios non realizados ou realizados a medias".

Os veciños de Paramos que percibirán axudas polas perdas de vivendas trala explosión estanse encontrando con que o cobro destas axudas suporá a perda en moitos casos dos complementos de pensións que están cobrando ao considerar facenda que as axudas son un ingreso económico. Por este motivo, entre outras peticións, En Marea proporá a exención fiscal para as axudas económicas aos afectados pola explosión de maneira que non se considere o montante destas axudas un ingreso para os afectados. O voceiro de En Marea sinala que o feito de que os afectados "teñan que tributar pola axuda que vaian recibir suporá que moitos deles renuncien a ela". Villares non entende que unha axuda económica "destinada a indemnizar os danos causados poida ser entendida como un ingreso ou un enriquecemento".

No mesmo sentido, En Marea considera que hai que respaldar as peticións dos afectados e reclamar as contías conforme as necesidades dos afectados e sen ter en conta os topes marcados porque na maior parte dos casos estes topes, 109.000 euros, non chegan a cubrir máis que unha parte do valor do total do perdido. Para En Marea tamén é necesario revisar o criterio que afecta aos casos de propietarios de segundas vivendas que, segundo a norma, perciben un porcentaxe moito máis baixo sobre o valor do perdido. Para a formación que lidera Luís Villares é necesario que as axudas favorezan que os afectados recuperen na maior brevidade de tempo a situación máis semellante posible á que tiñan antes da explosión. Nas contías das axudas tamén se deberá incluír o valor dos vehículos desaparecidos coa explosión.

Tres meses despois de ter ocorrido o tráxico suceso para En Marea é inaceptable que tanto a situación dos afectados como a situación da zona sexa a que é, con problemas na xestión das axudas e sen que ningún dos planos de desenvolvimentos anunciados estean en marcha. Para En Marea é imprescindible que se poña en marcha o plan de urbanización de todo o territorio afectado pola explosión posto que é necesario aplicar unha norma urbanística que permita a recuperación e mellora do espazo e evite e preveña situacións irregulares. Este plan, segundo sinalou Villares "require da colaboración interadministrativa e ata agora non vimos a todas as administracións sentadas nunha mesa para establecer os termos para levar a cabo esa reconstrucción".

Para a formación é tamén inasumible que, tres meses despois, ningunha administración asumise o desentullo da zona cando debería ter sido un dos primeiros labores a acometer sobre o territorio afectado, un traballo imprescindible para poder acometer calquera outra obra de recuperación. En sentido similar se expresou o lider de En Marea, Luís Villares, denunciado que a tres meses da explosión "a Xunta se teña negado a poñer en marcha un plan de atención psicolóxica ás vitimas"

En Marea sinala que estes tres meses nos que os afectados pola explosión levan batallando para conseguir facer valer os seus dereitos, a escasa coordinación entre administracións e a lentitude e dificultades en algúns dos procesos de xestión están creando unha nova dificultade para as familias dos afectados posto que o retardo en dar solución é, na práctica, un prexuízo máis e non menor, para todos os afectados

Comentarios