Medio Rural financiará a compra de tractores para a prevención dos incendios forestais

Medio Rural financiará a compra de tractores para a prevención dos incendios forestais
Medio Rural financiará a compra de tractores para a prevención dos incendios forestais

A consellería financiará a compra da maquinaria por parte dos municipios beneficiados por un importe máximo de 85.000 euros en cada caso

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asinou hoxe con 19 alcaldes de toda Galicia os convenios para a adquisición doutros tantos tractores para a roza, que serán utilizados na prevención de incendios forestais nestes municipios.

Trátase de facilitar os traballos de limpeza de matogueira no ámbito de competencias das entidades locais. Os asinantes hoxe foron os concellos de Mazaricos, As Somozas, Vedra, Vimianzo e Zas, na provincia da Coruña; Abadín, Baralla, Mondoñedo, Navia de Suarna e O Valadouro, na de Lugo; Bande, Cartelle, Maceda, A Veiga e Xinzo de Limia, na de Ourense e Cuntis, Dozón, Portas e Ribadumia, na de Pontevedra.

En virtude destes acordos, Medio Rural financiará a compra da maquinaria por parte dos municipios beneficiados por un importe máximo de 85.000 euros en cada caso. A axuda destinarase á adquisición dun tractor e dous apeiros de roza (un de arrastre e outro de brazo). O IVE correspondente aboarao cada concello.

A Consellería continuará con esta iniciativa e en breve proseguirá achegando financiamento, por un importe total de 3,2 millóns de euros este ano, para a adquisición de novos tractores, ata chegar a 35 neste exercicio. Estes sumaranse aos 35 subvencionados en 2017, co que xa serán 70 os apeiros financiados, que prestarán servizo a un total de 81 entidades locais.

O propósito de Medio Rural é seguir con esta iniciativa o vindeiro ano, para facilitar aos concellos a execución destes traballos de limpeza nas infraestruturas rurais, predios e redes secundarias de faixas de xestión de biomasa.

VÍAS DE COLABORACIÓN

En total son tres as vías de colaboración cos municipios. Dunha banda, estes 19 convenios que se asinaron hoxe e aos que os concellos poden optar, por orde de prioridade, de acordo cunha serie de criterios obxectivos, entre os que figuran o seu número de entidades singulares de poboación, a súa superficie ou que teñan subscrito con Medio Rural o convenio para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais durante os anos 2016, 2017 e 2018.

Doutra parte, e dado que non todos os concellos podían optar a estas axudas por non cumprir coas referidas condicións, incorpórase unha segunda modalidade, a través das xefaturas territoriais. Serán elas as que cheguen a acordos de colaboración coas entidades locais para o uso desta maquinaria, que seguirá sendo propiedade da Consellería. En concreto, as xefaturas da provincia da Coruña e Lugo recibirán tres tractores cada unha, cinco a de Ourense e catro a de Pontevedra.

Ademais, hai un caso particular no que se contou coa colaboración da Deputación de Ourense, para a adquisición dun tractor destinado ao concello de Larouco. A conselleira asinou recentemente co seu alcalde, Joaquín Prieto, un convenio de colaboración polo que Medio Rural achegará un total de 102.850 euros para apoiar esta iniciativa, mentres que a entidade local aportará outros 32.000 euros, financiados polo organismo provincial.

Comentarios
Lo más