Iniciadas as obras de mellora nas rúas Cancelas e Bispo Diego Peláez

Iniciadas as obras de mellora nas rúas Cancelas e Bispo Diego Peláez
Iniciadas as obras de mellora nas rúas Cancelas e Bispo Diego Peláez

Rafael Peña explicou que o proxecto xa en marcha as Cancelas permitirá "solucionar o mal estado no que se atopa o tramo da rúa máis próximo á gasolineira"

Onte comezaron as obras de reurbanización da rúa das Cancelas, nas que se van investir 130.000 euros, e os traballos de mellora da accesibilidade da rúa do Bispo Diego Peláez, cun orzamento de 170.000 euros. A primeira actuación ten un prazo de execución de 45 días, mentres que a segunda completarase en cinco meses.

O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña, deu conta onte do comezo das dúas actuacións, que "se suman ás obras que se puxeron en marcha nas últimas semanas, a máis relevante a da rúa de Castrón Douro". 

Rafael Peña explicou que o proxecto xa en marcha as Cancelas permitirá "solucionar o mal estado no que se atopa o tramo da rúa máis próximo á gasolineira, onde nin sequera hai beirarrúas malia a tratarse dunha zona moi transitada por mor dos servizos próximos". 

Así, as obras daranlle continuidade ao itinerario peonil da rúa das Cancelas, dende a conexión coa avenida de Rodríguez de Viguri, e a Rodríguez de Viguri, dende a conexión coa rúa das Cancelas ata a conexión coa avenida do Camiño Francés. Ademais, ampliarase o alumeado e soterrarase a rede de recollida de pluviais, que discorren en superficie nese tramo. As obras corren a cargo da empresas Excavaciones Midón e teñen un orzamento de 130.000 euros. O prazo de execución é de 45 días.

Bispo Diego Peláez

A outra actuación que arrancou hoxe mesmo é a mellora da accesibilidade na rúa do Bispo Diego Peláez, adxudicada á empresa OVIGA por un importe de 170.000 euros. O concelleiro de Obras explicou que a actuación "completa a remodelación de Vista Alegre, garantindo a accesibilidade aos edificios da parte alta da rúa do Bispo Diego Peláez que quedaran fóra do proxecto global do barrio".

Estes inmobles tamén presentan terrazas de acceso aos portais en cotas diferentes á da rúa, e están conectadas con ela a través de escaleiras.

O proxecto contempla a diminución dos desniveis entre a rúa e os portais dos edificios, que se salvarán con ramplas de pequena pendente para poderen ser utilizadas por persoas con mobilidade reducida. Ao tempo, ampliaranse as beirarrúas, substituirase a pavimentación existente e renovarase a rede de servizos. Tamén se prevé a instalación de arborado, iluminación e mobiliario urbano. A actuación estará finalizada no prazo de cinco meses.

Rafael Peña explicou que esta actuación obriga a cortar ao tráfico a parte alta da rúa, pero apuntou que "non se agardan problemas, porque existen itinerarios alternativos e porque os residentes teñen o acceso ao garaxe pola rúa paralela".

Outras obras

O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial avanzou que na semana do 7 de setembro comezarán as obras de renovación da estrada de Ponte Marzán-Sandino-Cruceiro de Sar, orzadas en 350.000 euros. 

Rafael Peña explicou que o atraso no inicio dos traballos se debeu á demora dun permiso autonómico para realizar o corte do tráfico, posto que este viario entronca cun de titularidade autonómica. A actuación ten un prazo de execución de cinco meses, pero o concelleiro adiantou que "o obxectivo é ter renovado o pavimento en tres semanas, para poder reabrilo ao tráfico".

Rafael Peña avanzou tamén que previsiblemente a próxima semana comezarán as obras do ascensor de Triacastela, unha vez solucionados os inconvenientes xurdidos pola presenza dun depósito de gas. O proxecto ten un prazo de execución de cinco meses. 

Comentarios