O Concello de Boqueixón organiza a “Kedada na ponte"

O Concello de Boqueixón organiza a “Kedada na ponte"
O Concello de Boqueixón organiza a “Kedada na ponte"

É unha iniciativa cultural e de lecer que terá lugar o domingo 2 de setembro

O Concello de Boqueixón organiza a “Kedada na ponte”, unha iniciativa cultural e de lecer que terá lugar no campo do río de Ponte Ledesma este domingo 2 de setembro. Unha xornada que incluirá un roteiro cultural por Ponte Ledesma, unha homenaxe ao escultor Bernardino Pereiro, un xantar de campo e diversas actividades culturais entre as que se inclúe a actuación de Circo Chosco e unha Feira de Artesanía.

A xornada comezará ás 11:00 horas cunha ruta histórica guiada de catro quilómetros por lugares como o castelo Bernárdez Sánchez de Ledesma, o campo francés, a igrexa de Ponte Ledesma e a propia Ponte Ledesma. Para participar é preciso anotarse no Concello ou chamando antes do 30 de agosto. Ás 13:30 horas terá lugar unha homenaxe a Bernardino Pereiro Becerra, destacado escultor en pedra e madeira, veciño de Ponte Ledesma aínda que na actualidade reside na Coruña.

Ás 14:30 horas terá lugar un xantar de campo, para o que haberá que reservar praza no teléfono 981 513 115 ata o vindeiro 30 de agosto. Os prezos serán de 15 euros para adultos/as e de 8 euros para nenos/as. A partir das 18:00 horas, Circo Chosco presentará o seu espectáculo “Forzu2”. Paralelamente haberá actuacións musicais, xogos tradicionais, inchables e unha Feira de Artesanía, con exposicións de pintura e escultura.

A “Kedada na Ponte” está organizada polo Concello de Boqueixón, en colaboración con Gadis, Xunta de Galicia, Turismo de Galicia e AGADIC.

Comentarios