A Asociación Cultural San Xoanciño honra á Virxe de Lourdes cunha alfombra floral en Pousada

A Asociación Cultural San Xoanciño honra á Virxe de Lourdes cunha alfombra floral en Pousada
A Asociación Cultural San Xoanciño honra á Virxe de Lourdes cunha alfombra floral en Pousada

Ao igual que en anos anteriores, a composición foi elaborada partindo dun deseño a tamaño real realizado por frai Luís de Oseira

Os encargados de dar comezo aos festexos, ás 13.00 horas, foron os membros do grupo de música medieval Manseliña, que interpretaron sete temas baseados na música tradicional do noroeste da Península Ibérica e en cantigas medievais galegas de Martín Codax, Alfonso X ou Estevao Coelho. De seguido, celebrouse a misa solemne oficiada polo párroco Manuel Blanco, que foi acompañado polo Coro Parroquial de Ames, e a procesión da Virxe de Lourdes sobre a alfombra floral. O punto e final á celebración marcouno a actuación da a Asociación Cultural Os Castros.

En canto ao conxunto de alfombras florais, estivo formado por un longo tapiz principal e unha alfombra en torno ao cruceiro, que xuntos sumaban máis de 60 metros, e dous máis pequenos colocados no soportal da capela e precedendo á alfombra central. Ao igual que en anos anteriores, a composición foi elaborada partindo dun deseño a tamaño real realizado por frai Luís de Oseira. Asemade, entre os materiais utilizados para a súa realización houbo serraduras e labra tinguida, casca de berberecho esnaquizada, varios tipos de flores entre as que destaca a hortensia, e terra para perfilar e tulla.

Os traballos no tapiz comezaron con máis dunha semana de antelación, para a preparación dos materiais que se utilizaron. Ademais, empregouse un día para a elaboración das alfombras no exterior da capela, que contou coa dedicación de máis de 25 persoas. Así, os membros da asociación chegaron á capela ás 7 da mañá do sábado e estiveron traballando nas alfombras, coa axuda de veciños procedentes de todo o concello, ata as 5.30 da madrugada.

Comentarios