Os nacionalistas do BNG piden un plan de xestión do xabaril

Os nacionalistas do BNG piden un plan de xestión do xabaril
Os nacionalistas do BNG piden un plan de xestión do xabaril

Xosé Luís Rivas critica o gran número de batidas e advirte que “escopeta e o lazo” non son solución a grande poboación do xabaril

O portavoz de Agricultura e Montes do BNG, Xosé Luís Rivas anunciou a presentación dunha batería de iniciativas para reclamar da Xunta a posta en marcha dun plan de Xestión do xabaril e abrir unha liña de axudas polos danos ocasionados ante os numerosos ataques da especie en diferentes cultivos.

Rivas manifestou que cada día increméntanse as demandas de gandeiros, agricultores e habitantes do rural afectados polos ataques do porco bravo ante a “explosión demográfica da especie” que busca comida e refuxio. 

Hai 25 anos, explicou o nacionalista, o porco bravo en Galicia era “anecdótico” pero agora, cun monte abandonado, unha superficie monoforestal e cultivos forraxeiros propician o refuxio idóneo e comida para xabaril.

O deputado recalcou que a especie está adaptada e aumentando a súa poboación con piaras matriarcais e femias con menos dun ano e 30 quilos de peso que procrean cinco individuos ao ano, circunstancia, ao seu entender, incrementada pola “presión cinexética”. 

Rivas denuncio que a administración utilice como único método para reducir a poboación do xabaril “as batidas” porque os datos confirman, segundo algúns zoólogos, que “as especies que soportan maior mortalidade tenden a aumentar a súa reprodución”.

NIN AXUDAS NIN TELÉFONO OPERATIVO PARA FORMULAR AS DEMANDAS

Desde o ano 2016, engadiu o deputado, “non existen axudas públicas” para os danos ocasionados polo xabaril nin tampouco “un teléfono operativo” na consellería para recoller as demandas das persoas afectadas. O dono dunha explotación cando chama a ese teléfono nunca acada unha resposta porque “non contesta”, afirmou o deputado.

O parlamentario tamén anunciou que o BNG presentará unha batería de iniciativas para abrir unha liña de axudas suficientes e que a Xunta se comprometa a poñer ao dispor dos afectados e afectadas varios teléfonos para recoller as reclamacións e comprobar os danos.

PLAN DE XESTIÓN DO XABARIL E AXUDAS CONTRA OS ATAQUES

Por outra parte, dixo, é necesario un plan de Xestión do xabaril porque no 2014 a Xunta anunciou ese plan apoiado por un estudo da Universidade de Vigo pero, “descoñecemos se foi realizado e aplicado e con que grado de cumprimento”. 

O único que sabemos con certeza é que o xabaril cando recibe batidas busca refuxio en zonas próximas casas e vías de comunicación o que incrementa os ataques cerca das casas e accidentes de tráfico.

O plan de Xestión do xabaril debe incluír estudos demográficos por comarcas e estratexias de actuación. Na actualidade a Xunta só autoriza batidas indiscriminadas cun gran número de animais mortos pero, a solución, reiterou Rivas non é “a escopeta e o lazo”. Ao ano morren por batidas 15.000 animais e a poboación non decrece, ao contrario.

No ano 2016 a Xunta tamén anunciou un plan de actuación global por un importe de 1 millón 300 mil euros contra os danos de porco bravo incluídos accidentes de tráfico, danos nos cultivos, información e formación, “nada sabemos deste plan nin a que se destinaron os cartos” porque o plan nin foi debatido nin publicado.

O parlamentario do BNG puxo o acento nas consecuencias das “batidas” sobre outras especies, mesmo en período de veda e insistiu en que a “escopeta e o lazo” non son solución.

A vindeira semana anunciou Xosé Luís Rivas, varios concellos do Norte de Galicia manterán unha reunión coas asociacións de agricultores e gandeiros para reclamar á Xunta “que faga algo” porque o problema, concluíu, “é moi grave”.

Comentarios
Lo más