Brión estrea novo circuíto na XXXVI Carreira Pedestra da Amaía

Brión estrea novo circuíto na XXXVI Carreira Pedestra da Amaía
Brión estrea novo circuíto na XXXVI Carreira Pedestra da Amaía

A proba terá lugar na tarde do sábado 6 de outubro e o prazo de inscrición estará aberto ata as 14:00 horas do 3 de outubro

O Concello de Brión vén de abrir o prazo de inscrición na tradicional Carreira Pedestre da Amaia, que este ano chega á súa edición número 36. Unha proba que terá lugar o sábado 6 de outubro, a partir das 17:00 horas, na Carballeira de Santa Minia e na que poderán participar atletas federados e non federados, que estarán baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.

A organización da proba deseñou este ano un novo circuíto moito mais rápido, menos duro e mais vistoso ca en edicións anteriores, con saída e chegada na Carballeira de Santa Minia.

Así pois, os participantes darán dúas voltas a un circuíto de 4,75km (98% asfalto e 2% terra en bo estado), completando un total de 9,5 km. As probas infantís mantéñense na Carballeira de Santa Minia.

MÁIS DE 1.000 EUROS EN PREMIOS

A carreira repartirá mais de 1.000 euros en premios e agasallará a todas as persoas participantes con camisetas técnicas conmemorativas. Haberá trofeos e premios en metálico para os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres en cruzar a liña de meta na proba absoluta, de 9,5 quilómetros de lonxitude: 200, 170 e 150 euros, respectivamente. 

Tamén haberá trofeos para os tres primeiros homes e mulleres empadroados en Brión, así como para os primeiros clasificados das 8 categorías establecidas. Os premios non serán acumulativos, exceptuando os correspondentes aos empadroados en Brión.

As categorías dos pitufos e prebenxamíns non serán competitivas, polo que todos os participantes recibirán cadansúa medalla. O Concello de Brión porá a disposición de todos os corredores o pavillón polideportivo para que se poidan duchar, así como un servizo de garda roupa situado na Casa da Cultura.

A Carreira Pedestre da Amaia é unha das probas atléticas máis importantes do panorama galego. Con 36 anos de antigüidade, é unha proba de referencia na comarca de Santiago que ten lugar todos os anos xusto despois da tradicional Romaría de Santa Minia.

Comentarios