Padrón abre a convocatoria de subvencións para actividades deportivas e culturais

Padrón abre a convocatoria de subvencións para actividades deportivas e culturais
Padrón abre a convocatoria de subvencións para actividades deportivas e culturais

A partida global ascende a 9.000 euros e os solicitantes dispoñen dun prazo de 15 días para presentar toda a documentación no Rexistro Xeral de entrada do Concello

O Concello de Padrón abriu antonte o prazo de solicitude de subvencións municipais a persoas ou entidades públicas e/ou privadas para colaborar no desenvolvemento de actividades ou accións de interese no ámbito cultural, deportivo e de festexos populares.

A partida global destinada polo goberno local a estas achegas ascende a 9.000 euros e os solicitantes dispoñen dun prazo de 15 días naturais para presentar toda a documentación necesaria no Rexistro Xeral de entrada do Concello de Padrón. 

En canto ao obxecto destas subvencións, no eido da promoción de actividades culturais e deportivas enténdense como subvencionables as seguintes actividades: celebracións, homenaxes, exposicións, publicacións, concursos, certames, mostras, excursións, eventos musicais, eventos deportivos, encontros, conferencias, estudos, competicións, campionatos e, en xeral, calquera actividade de conservación, promoción e divulgación dos valores culturais e deportivos.

E no eido dos festexos populares, estas axudas poderán cofinanciar celebracións realizadas por entidades cidadás que teñan carácter tradicional e cultural e que permitan o acceso ao público en xeral, sen pago de entrada.

Só poderán ser obxecto destas axudas aquelas actividades desenvolvidas a partires do 1 de xaneiro de 2018 e en ningún caso serán subvencionables os investimentos reais, os gastos de mantemento ordinario (teléfono, auga, luz, gas, etc.), nin os gastos de bebidas alcólicas nin tabaco. 

Tampouco poden beneficiarse desta convocatoria de subvencións aquelas actividades que xa estean suxeitas a algún convenio de colaboración co Concello de Padrón nin as que xa recibiran outro tipo de axuda municipal.

Comentarios