A CIG denuncia o estado de abandono do arquivo de pezas de convicción dos xulgados de Compostela

A CIG denuncia o estado de abandono do arquivo de pezas de convicción dos xulgados de Compostela
A CIG denuncia o estado de abandono do arquivo de pezas de convicción dos xulgados de Compostela

Alerta das graves consecuencias que pode ter para a saúde das e dos traballadores

CIG-Xustiza vén de denunciar o lamentable estado no que se atopan as pezas de convicción (probas dos delitos) almacenadas no arquivo dos Xulgados de Santiago. Alerta ademais das enfermidades potenciais que podería provocar para as traballadoras e traballadores do corpo de auxilio xudicial, que son quen entran e saen constantemente deste arquivo, nomeadamente se padecen alerxias, e exixe unha inmediata solución.

Malos cheiros, ácaros, mofos e até cogumelos proliferan no arquivo de pezas de convicción dos Xulgados composteláns, tal e como acreditan as imaxes que acompañamos. Así o asegura Antón Ayaso, representante da CIG, quen advirte de que xa hai persoal que, non sendo alérxico, ao saír do traballo presenta síntomas de rinite, dermatite ou dificultades respiratorias como asma e demais.

Por iso a CIG-Xustiza exixe que de inmediato se solucione esta situación e se adopten todas as medidas necesarias para garantir a saúde do persoal mais tamén a conservación do material e documentos arquivados.

Mal estado de conservación

Respecto desto último, Ayaso afirma que o estado de abandono do arquivo non afecta unicamente á saúde do persoal senón que mesmo está provocando o deterioro das pezas de convicción que “moitas delas, cando son reclamadas polas súas/seus donos, unha vez rematado o procedemento xudicial, están totalmente inservibles o que provoca un prexuízo económico para os seus/súas propietarios, sexan particulares, comerciantes ou empresas aumentando así a frustración da sociedade que xa se ve abondo prexudicada polos tempos de espera destes procedementos”.

Máis alá diso, o representante da CIG advirte do incumprimento que isto supón da legalidade en materia de conservación de arquivos e documentos, tal e como está previsto na LEI 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia.

O problema, para Ayaso, é que non se puxeron en marcha os medios necesarios para desenvolver esta lei e “nin sequera se garante, no caso dos xulgados de Compostela, espazo abondo para acumular todas as pezas”.

De feito, nin sequera a Audiencia ten sitio ningún onde arquivar e garda tamén no arquivo de pezas os seus documentos: apelacións civís e penais; procedementos abreviados e ordinarios; os de tribunal xurado e as executorias. “Estariamos falando de documentación de casos como o de Asunta ou o famoso de troquelaxe dos coches”.

Porén o artigo 49 desta lei di que:

“1. Os xulgados e tribunais de xustiza constituirán os seus propios sistemas de arquivos e rexeranse, no que atinxe á xestión de documentos e arquivos, polo disposto na súa lexislación específica. 2. Os documentos xudiciais cualificados de conservación permanente pola Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia ingresarán no correspondente arquivo histórico provincial, sen prexuízo do establecido no artigo 40”.

Este arquivo histórico provincial que menciona a lei si existe no caso de Pontevedra, pero no caso da Coruña só recibe documentos procedentes dos xulgados da Coruña e de Ferrol. “No caso dos xulgados composteláns o TSXG buscou un oco no Arquivo Histórico de Galiza para albergar documentos, pero só durante cinco anos, porque non é aí onde teñen que estar”.

Por iso, dada a falta de espazo, o estado de abandono e o deterioro apreciable do material almacenado nos xulgados de Compostela, Antón Ayaso advirte das faltas nas que se podería estar incorrendo, xa que esa mesma lei recolle que “destruír documentos á marxe dos procedementos regulamentariamente establecidos, e cuxo valor supere os 60.000 euros, e todas as accións ou omisións que leven aparelladas a perda, destrución ou deterioración irreparable dos bens protexidos por esta lei”.

Comentarios
Lo más