Tapas a 2 euros nas Xornadas Gastronómicas "Saborea Padrón"

Tapas a 2 euros nas Xornadas Gastronómicas "Saborea Padrón"

Celebraranse nas fins de semana do 5, 6, 7 e 12, 13 e 14 de outubro e o programa de actividades coordinado pola concelleira Lorena Couso incluirá rutas turísticas, visitas guiadas, actuacións musicais e sorteo de agasallos entre os participantes

As oitavas Xornadas Gastronómicas "Saborea Padrón", organizadas pola Concellaría de Turismo para dinamizar e poñer en valor a hostalaría padronesa e a gastronomía local, desenvolveranse entre os días 5 e 14 de outubro e contarán coa participación de dez establecementos. Todos eles ofrecerán tapas a 2 euros -consumicións aparte- elaboradas seguindo a temática do Camiño de Santiago.

Os locais participantes nesta oitava edición e as tapas que prepararán xa poden consultarse na páxina web www.terrasdeiria.com/saboreapadron e son: Central Perk (A barquiña de pedra), O Secreto (Échale huevos al Camino), O Secreto do Viño (Las vueltas del Camino), Chef Rivera (Sorpresas en el Camino), Ruta Xacobea (Ruteira), Café Cultural Airiños (Hamburguesa Peregrina), Café Bar As Camelias (O repouso do pelegrín), Retro Visor (A última e-tapa), Alpendre (O Toural) e Café Século XX (Tella do país).

As tapas poderán degustarse nas fins de semana dos días 5, 6, 7 e 12, 13 e 14 de outubro en horario de 13.00 a 15.00 e de 20.30 a 23.30 horas, se ben cada establecemento informará do seu horario específico no pasaporte que entregarán aos clientes e que lles servirá tanto para votar as mellores tapas como para participar nos sorteos de diferentes agasallos.

Aquelas persoas que conten no pasaporte con alomenos tres selos de locais diferentes participarán no sorteo dun vale de 100 euros para consumicións no establecemento gañador e de 3 vales de 50 euros cada un para consumicións nun dos locais participantes; pola súa parte, aquelas persoas que conten co selo dos 10 establecementos entrarán no sorteo dun premio especial a escoller entre o aloxamento dunha noite con almorzo para dúas persoas no hotel O Semáforo de Fisterra -inclúe queimada- ou no aloxamento para dúas persoas nunha casa rural do Courel, con almorzo e excursión con guía especializado en natureza.

Ademais do premio á mellor tapa que outorgará o público e que constará dunha placa para o establecemento gañador, dun diploma acreditativo, da participación cunha actividade no "Saborea Padrón" de 2019 e na posibilidade de representar a Padrón en eventos gastronómicos doutros concellos, tamén haberá un xurado encargado de avaliar cal é a mellor tapa; neste caso, o establecemento gañador recibirá un trofeo que poderá expor no seu local ata as xornadas gastronómicas do ano seguinte.

Comentarios