Os traballadores da CRTVG levan 16 semanas vestindo de negro para chamar a atención sobre a manipulación informativa

Os traballadores da CRTVG levan 16 semanas vestindo de negro para chamar a atención sobre a manipulación informativa
Os traballadores da CRTVG levan 16 semanas vestindo de negro para chamar a atención sobre a manipulación informativa

"Pedímoslle á dirección da CRTVG que se libere de ataduras, que sexa ambiciosa, que nos propoña obxectivos verdadeiramente profesionais"

Desde hai 16 semanas, un número cada vez maior de traballadoras e traballadores da CRTVG visten de negro os venres para tentar chamar a atención sobre a manipulación informativa, o desmantelamento dos medios públicos e as dificultades crecentes para desenvolver o traballo con criterios profesionais.

"Entendemos que o noso compromiso como traballadores dos medios públicos non é tanto coa audiencia como co conxunto da sociedade galega. Cos que nos ven e nos escoitan, cos que se senten identificados coa liña informativa ou gozan coa maioría dos programas e tamén cos que non se recoñecen na imaxe do país que transmitimos, os que se consideran silenciados, os que non nos aturan ou nos ignoran. Cando un partido político, unha corporación, unha minoría organizada ou o propio goberno se infiltra de tal maneira na Televisión de Galicia ou na Radio Galega que é quen de impoñer os seus criterios de selección de noticias, o seu argumentario ou os seus intereses particulares, os medios públicos perden a súa razón de ser. Pervértese o dereito á información e mingua a calidade democrática da sociedade. Corrómpese o noso traballo: non sabemos xa para quen o facemos ou sabémolo demasiado ben", afirman. 

"A CRTVG non forma parte do botín que se levan os partidos que gañan as eleccións. Non podemos permitir que a dependencia do goberno da Xunta ou das formacións políticas se faga crónica nos medios públicos galegos. Os propios partidos son conscientes da gravidade da situación. Por iso vai para sete anos que aprobaron no parlamento unha lei de medios que inclúe medidas como a creación dun Consello de Informativos que vele pola independencia, veracidade e obxectividade dos contidos. Pedimos, como primeiro paso, soamente iso: que sedesenvolva a lei, que se cumpra. Unha lei que combateu na rúa o persoal da CRTVG e que non se cumpre precisamente nos puntos que velan pola pluralidade e imparcialidade editorial. Queremos un Consello de Informativos na Radio e na Televisión de Galicia". 

Como profesionais, aspiran a competir no mesmo espazo de comunicación que os outros medios, dirixirse ao maior público posible e facelo ademais cunha oferta diferenciada, a propia dun medio público. "Pedímoslle á dirección da CRTVG que se libere de ataduras, que sexa ambiciosa, que nos propoña obxectivos verdadeiramente profesionais, que poidamos deseñar unha axenda informativa diferente, que sexamos os primeiros en chegar á noticia e en contala da mellor maneira posible, que sexamos os medios que vertebren o país co reforzamento dos actuais centros de traballo e a recuperación das delegacións que se pecharon en 2010. Non podemos claudicar na nosa misión específica en tanto que medios públicos: intervir alí onde unha información de calidade é decisiva para que os cidadáns poidan participar responsablemente nos asuntos de todos, na política entendida no seu senso máis cabal".

Comentarios
Lo más