A primeira promoción de alumnos da Escola de Idiomas de Padrón recibe os certificados oficiais

A primeira promoción de alumnos da Escola de Idiomas de Padrón recibe os certificados oficiais

O alcalde, Antonio Fernández Angueira, e a concelleira de Cultura, Lorena Couso, participaron no acto de entrega, xunto co representante de Get Brit, José Vázquez

A Escola de Idiomas de Padrón impulsada desde a Concellaría de Cultura e a academia Get Brit comeza a dar os seus froitos, posto que os 12 alumnos da primeira promoción que realizaron as probas oficiais no pasado mes de xuño recibiron onte os correspondentes certificados oficiais de Cambridge English.

Nun acto celebrado no salón de plenos do consistorio, Antonio Fernández Angueira cualificou como "un gran acerto" o acordo selado con Get Brit para poñer en marcha a Escola de Idiomas de Padrón e salientou "o esforzo e a dedicación" dos alumnos durante todo o curso, felicitándoos polo seu nivel de inglés, xa que as probas do nivel B1 finalizaron co 100% de aprobados.

Pola súa parte, o representante de Get Brit, José Vázquez, resaltou que o método da súa empresa "facilita que os alumnos aprendan a comunicarse noutros idiomas e que, ademais, poidan certificar o seu nivel de maneira oficial, cubrindo as necesidades que poidan ter no eido profesional, persoal e educativo". Por iso, animou a tódolos padroneses a que, con independencia do seu nivel de idiomas e da súa idade, se inscriban xa nas clases do novo curso, que comezarán o vindeiro 1 de outubro.

A concelleira de Cultura, Lorena Couso, lembra que na Escola de Idiomas de Padrón os alumnos adquiren, xa desde a infancia, habilidades orais (speaking and listening) a través de xogos, actividades lúdicas e moita conversa, xa que Get Brit! planifica as súas clases baixo a premisa de que aprender idiomas non ten que ser aburrido. Ademais, os alumnos tamén traballan ao longo do curso as competencias escritas (writing and reading).

Comentarios
Lo más