Aprobadas as bases das subvencións para a mobilización de vivenda baleira en alugueiro

Aprobadas as bases das subvencións para a mobilización de vivenda baleira en alugueiro
Aprobadas as bases das subvencións para a mobilización de vivenda baleira en alugueiro

O alcalde explicou que estas axudas municipais completan as subvencións autonómicas derivadas do acordo de adhesión do Concello de Santiago ao convenio de colaboración entre o IGVS e a FEGAMP, enmarcado no Plan RehaVita

A Xunta de Goberno aprobou onte as bases reguladoras da convocatoria de subvencións para a mobilización de vivendas en alugueiro. Trátase dunha liña de axudas que teñen un dobre obxectivo: "facilitar o acceso a unha vivenda digna a aquelas persoas que teñen necesidade, e poñer en valor a cidade construída, evitando a proliferación de vivendas baleiras ou destinadas de xeito irregular ao uso turístico".

O alcalde explicou que estas axudas municipais completan as subvencións autonómicas derivadas do acordo de adhesión do Concello de Santiago ao convenio de colaboración entre o IGVS e a FEGAMP, enmarcado no Plan RehaVita. Martiño Noriega salientou que "a diferencia da autonómica, a convocatoria municipal evita os límites de renda máxima das vivendas e do ingreso dos demandantes".

As subvencións poderán cubrir "unha porcentaxe das obras e actuacións de posta a punto da vivenda para o seu alugueiro, o custo do certificado de eficiencia enerxética, e máis unha cantidade aproximada á devindicada no imposto de bens inmobles durante o período de duración do alugueiro". A convocatoria das subvencións conta cun orzamento total de 60.000 euros para os próximos tres anos, distribuído en partidas de 20.000 euros anuais. A contía máxima por demandante será de 1.800 euros.

O prazo para a incorporación á Bolsa Municipal de Vivendas Baleiras será de 15 días a contar desde o día seguinte á publicación das bases no BOP. Despois, unha vez formalizado o contrato de alugueiro, o prazo para solicitar as axudas finalizará o 30 de novembro.

Axudas para as ARIs

Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se acordou solicitar a participación no Concello de Santiago no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan Estatal de Vivenda, para o período 2018-2021. Trátase da convocatoria á que é preciso acollerse para recibir as subvencións para actuacións nas Áreas de Rehabilitación Integral declaradas no ámbito municipal.

O alcalde explicou que a contía total solicitada para os tres anos de vixencia do Plan Estatal é de 10,4 millóns de euros. Desa cantidade, a maior partida sería para o barrio de Vista Alegre, con 2,2 millóns de euros solicitados para 384 actuacións estimadas. En Vite prevense 180 actuacións e solicítanse 2,5 millóns de euros; e nos grupos Compostela e Quiroga Palacios de Pontepedriña, hai 144 actuacións estimadas e un orzamento solicitado de 2,1 millóns de euros. Por último, para a ARI da cidade histórica solicítanse 1,5 millóns de euros, para un total de 100 actuacións.

Comentarios