Visitas guiadas e conferencias para redescubrir Compostela na Semana do Patrimonio Invisible

Visitas guiadas e conferencias para redescubrir Compostela na Semana do Patrimonio Invisible
Visitas guiadas e conferencias para redescubrir Compostela na Semana do Patrimonio Invisible

Dende o xoves 13 ata o martes 18, a Semana do Patrimonio Invisible permitirá participar en visitas guiadas a sete espazos distintos da cidade

A Concellaría de Acción Cultural impulsa a celebración da Semana do Patrimonio Invisible, unha iniciativa que nos permitirá "redescubrir Santiago a través das visitas guiadas a sete espazos que non forman parte dos circuítos habituais". As actividades serán dende o xoves 13 ata o martes 18 de setembro. O día 15, Santiago celebrará a Noite do Patrimonio, unha iniciativa conxunta do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade para conmemorar o seu 25 aniversario e máis o Ano Europeo do Patrimonio Cultural.

A concelleira de Acción Cultural presentou a Semana do Patrimonio Invisible, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada de César Abella, en representación da empresa Trivium, que deseñou o programa. Branca Novoneyra incidiu en que "con estas actividades, o Concello de Santiago quixo ir un paso máis alá do compromiso adquirido no Grupo das Cidades Patrimonio da Humanidade para celebrar a Noite do Patrimonio de forma simultánea nas 15 urbes, e pon en marcha un programa que ten vocación de continuidade". A concelleira explicou que o obxectivo das actividades é "mostrar o legado histórico e artístico que garda Compostela nas súas rúas, prazas e en edificios que habitualmente están pechados ás visitas".

Xornada inaugural

A Semana do Patrimonio Invisible arrancará o xoves 13 cunha xornada de debate e reflexión no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia. Será unha intensa mañá "para escoitar o punto de vista de persoas expertas no patrimonio invisible de Compostela, e para debater sobre estratexias e boas prácticas". Branca Novoneyra será a encargada de inaugurar a xornada, na que está prevista a participación do profesor da Facultade de Historia da Arte, Juan Monterroso; o director do espazo cultural San Martiño Pinario, José A. Otero; e os investigadores do CSIC David Barreiro e Pastor Fábrega, entre outros.

Visitas guiadas

Dende o xoves 13 ata o martes 18, a Semana do Patrimonio Invisible permitirá participar en visitas guiadas a sete espazos distintos da cidade. Na programación incluíronse o Cemiterio Municipal de Boisaca, o Pazo de San Lourenzo, o Complexo Psiquiátrico de Conxo, o Pazo de Ramirás-Colexio dos Irlandeses, o Hostal dos Reis Católicos, o Colexio Maior e Igrexa de San Agustín e o Pazo de Raxoi.

As visitas están deseñadas para grupos limitados, e por iso é preciso realizar a reserva a través do correo electrónico spicompostela@gmail.com.

Branca Novoneyra explicou que os lugares seleccionados para as visitas guiadas "gardan historias descoñecidas pola maioría da cidadanía e que queremos reivindicar".

Noite do Patrimonio

Dentro da Semana do Patrimonio Invisible enmárcase a celebración da Noite do Patrimonio, impulsada polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade para celebrar o seu 25 aniversario e máis o Ano Europeo do Patrimonio Cultural. As 15 cidades que forman parte do grupo desenvolverán a actividade de maneira simultánea, abrindo espazos monumentais á cidadanía e desenvolvendo unha programación específica de artes escénicas contemporáneas.

No caso de Santiago, a Noite do Patrimonio terá dous escenarios destacados: o claustro de San Martiño Pinario e a praza da Quintana. Será aí onde se desenvolvan as actividades da sección ESCENApatrimonio, impulsada polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, para "mostrar que os espazos patrimoniais son lugares vivos, que poden ser escenario privilexiado de eventos que contribúen mesmo a poñelos en valor". Segundo a selección da Comisión de Cultura do Grupo, en Santiago estará Daniel Abreu, Premio Nacional de Danza en 2014, coa súa compañía, para presentar o espectáculo Más o menos inquietos na praza da Quintana, a partir das 21:00 horas. Antes, a partir das 20:45 h, proxectarase tamén na Quintana o traballo Labirintos Líricos, sobre a exposición do mesmo nome que visitou as 15 cidades Patrimonio Mundial da Humanidade ao longo de 2017

Comentarios
Lo más