Designan a área Sanitaria de Compostela como centro de referencia no tratamento de Sarcomas Musculoesqueléticos

Designan a área Sanitaria de Compostela como centro de referencia no tratamento de Sarcomas Musculoesqueléticos

A orixe da unidade de tumores do aparato locomotor do Servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía da área sanitaria de Santiago remóntase ao ano 2006 como área de superespecialización

A área Sanitaria de Santiago de Compostela ven de ser designada centro de referencia no tratamento de Sarcomas Musculoesqueléticos do aparato locomotor para toda Galicia, unha variedade pouco común de tumores, en xeral moi graves e de moi complexa abordaxe. Motivo polo que, tal e como demostra a evidencia científica, debe ser abordado nunha unidade de referencia especializada, que concentre e trate un elevado número de casos para mellorar os resultados terapéuticos, o prognóstico e a supervivencia dos doentes.

A orixe da unidade de tumores do aparato locomotor do Servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía da área sanitaria de Santiago remóntase ao ano 2006 como área de superespecialización, tras dez anos de experiencia constitúese como unidade funcional multidisciplinar. Aborda o diagnóstico e tratamento de doentes con Sarcomas óseos (SO) primarios (tanto benignos como malignos) e sarcomas de partes brandas (SPB) do sistema muscoesquelético, así como enfermidades metastásicas óseas de carcinomas e enfermidades hematolóxicas que afectan ao aparato locomotor, tanto de doentes da área sanitaria compostelá como do resto de Galicia.

Dita unidade está organizada como grupo de atención multidisciplinar, dacordo coas recomendacións e requirimentos esenciais dos centros de referencia. Así, no tratamento dos doentes, participan profesionais do servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, Oncoloxía Médica, Oncoloxía Radioterápica, Cirurxía Xeral, Cirurxía Vascular, Cirurxía Plástica e Reparadora, Radioloxía, Anestesioloxía e Reanimación e Anatomía Patolóxica, entre outros. Como eixo organizativo, a unidade pende do Comité de Tumores de Partes Brandas e do Oso, que establece os principios e recomendacións, caso a caso, do manexo dos doentes oncolóxicos con SO e SPB. O áxil acceso dos doentes a esta unidade está asegurado pola creación dunha Vía Rápida que optimiza os tempos de diagnóstico e tratamento da patoloxía.

A súa longa experiencia permite que todos os doentes poidan ser tratados na propia unidade compostelá, e que de feito non teñan que ser derivados, como ata o de agora, a ningún dos 5 Centros, Servizos e Unidades de Referencia (CSUR) para Sarcomas e outros tumores musculoesqueléticos de adultos designados polo ministerio de Sanidade (2 en Madrid, 2 en Barcelona e 1 en Sevilla).

De feito, da análise dos tres principais indicadores de calidade: o nivel de resección tumoral, as taxas de recidivas locais, e os indicadores de supervivencia dos doentes a 1, 3 e 5 anos; os resultados da unidade compostelá son parellos e mesmo nalgúns ítems mellores aos dos outros centros de referencia analizados, tanto CSUR españois como centros de referencia internacional.

Sarcomas

Os sarcomas son unha variedade pouco común de cancro que aparece nos osos ou en tecidos como os músculos e os nervios. Non superan o 1% de todos os cancros e diagnostícanse cada ano soamente en cinco o seis persoas de cada cen mil. Aínda que poden aparecer en calquera idade, moitos dos afectados son adolescentes, adultos novos ou nenos. Baixo a denominación de sarcoma inclúense máis de 50 subtipos histolóxicos neoplásicos diferentes. Algúns deles son moi semellantes entre si, pero outros posúen características únicas que inflúen moito no seu tratamento.

Os sarcomas musculoesqueléticos poden ser Sarcomas de partes brandas (SBP) ou sarcomas óseos (SO). A incidencia de sarcomas de partes brandas é 3-4 veces superior que os óseos, sendo de 6 casos /100.000 habitantes/ano, mentres que a prevaleza (doentes vivindo coa enfermidade) é de 5/10.000 hab./ano. Dacordo con estas ratios calcúlase que en Galicia a incidencia destes SBP é de 120 casos novos ao ano. Poden aparecer en calquera parte do corpo, pero o 60% xorden nas extremidades.

A incidencia de SO malignos é de 1 caso/100.000 hab./ano (400 casos novos en España e uns 30 en Galicia). As metástases óseas por carcinoma (outro tipo de cancro) teñen unha incidencia 25 veces maior que os tumores óseos primarios malignos.

O diagnóstico precoz é fundamental. Os piares do tratamento son a cirurxía a quimioterapia e radioterapia, se ben tratamentos máis recentes de tipo molecular pódense empregar para facilitar a intervención ou para diminuír as probabilidades de recaída

Comentarios
Lo más