Denuncian que a Xunta permita que a multinacional Medtronic organice a unidade de cardioloxía nos hospitais de Compostela

Denuncian que a Xunta permita que a multinacional Medtronic organice a unidade de cardioloxía nos hospitais de Compostela

A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, salientou que esta empresa está a empregar este servizo en función das súas necesidades e criterio empresarial fronte ao interese xeral que tería que ser a saúde das persoas

A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, denunciou en rolda de prensa a ocultación por parte do Goberno galego da información relativa ao convenio asinado coa empresa Medtronic e que despois de ser denunciada a negativa de ofrecer esta información durante o ano pasado tanto a Asociación de doentes do Complexo hospitalario de Santiago como o grupo de En Marea no Parlamento, e que finalmente tivo que ser trasladada despois de que a Comisión de Transparencia indicara que así tiña que se facer. Trátase dunha multinacional que está a traballar de xeito permanente nas unidades de cardioloxía dos complexos hospitalarios para probar os seus produtos usando as instalacións públicas en beneficio propio da empresa.

“O rexeitamento por parte da Xunta de informar e ocultar información á cidadanía é o xeito habitual de proceder do goberno galego” afirmou Eva Solla quen engadiu que reclamará a información referente ao HULA que non foi trasladada aínda por parte da Xunta pese a ser solicitada por En Marea.

Despois de revisar a documentación aportada, o grupo de En Marea puido constatar que se está a permitir á esta empresa que sexa a que dirixa o funcionamento das unidades de cardioloxía baseándose en criterios de beneficio empresarial. Un procedemento que a Xunta pretende trasladar a outras unidades.

Estamos a falar ademais unha empresa que foi obxecto de investigación e sancións por parte doutros países. Así, en China foi sancionada por cuestións relacionadas cun subornos e tamén en EE.UU. tivo varias condenas pola vía penal por subornos a médicos para que empregasen os seus produtos. Trátase ademais dunha empresa que está a ser vixiada pola Axencia Española do medicamento en relación ás bombas de insulina.

Por todo isto, o grupo de En Marea preguntará no Parlamento polos mecanismos, se é que os teñen, de control por parte da Xunta de Galicia do funcionamento desta empresa para evitar que se dean este tipo de situacións de suborno, así como se existen incentivos pactados aos profesionais por parte da empresa tanto a nivel económico como material. En Marea preguntará tamén pola relación xerárquica da empresa co persoal público.

“Pese a que o PP di defender aos profesionais o certo é que traen unha multinacional para dicir como traballar, que teñen que comprar e como desenvolver o servizo. Por iso imos preguntar porque están a tutorizar a estes profesionais ocultando ademais a información” declarou a vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea.

O grupo solicitará tamén os informes para tratar de impedir que estas empresas continúen a empregar o noso sistema público e os datos. “A Xunta ten que mercar maquinaria para o servizo pero de ningunha maneira permitir que sexan as empresas as que dirixan o servizo en si” remarcou Eva Solla. 

Comentarios