Galicia é a comunidade que paga máis rápido as súas facturas

Galicia é a comunidade que paga máis rápido as súas facturas

O período medio de pago en Galicia baixa ata os 11 días, fronte aos 33 de media autonómica

Galicia pechou o primeiro semestre do ano sendo a comunidade autónoma que paga máis rápido as súas facturas, ao acadar un período medio de pago de 11 días, fronte aos 33 días de media autonómica, segundo os datos oficiais referentes ao mes de xuño publicados hoxe polo Ministerio de Facenda.

Ao peche do semestre, o período medio de pago de Galicia baixou ata os 10,9 días, é dicir, dous días mellor que no mes de maio e case 20 días por debaixo do límite que establece a normativa estatal. 

Pola contra, a media autonómica situouse en 33,4 días, o que ratifica que Galicia aboa os seus pagamentos 22 días antes que o conxunto das comunidades.

Os datos oficiais do Ministerio de Facenda inclúen desde o mes de abril unha nova metodoloxía de cálculo do período medio de pago a provedores que se aplica a todas as comunidades autónomas. 

Pese a este cambio, Galicia mantense como a comunidade que mellor paga aos provedores que traballan coa Xunta.

En canto á débeda comercial, a ratio de débeda/PIB de Galicia situouse no 0,10%, a máis baixa de toda España. 

Neste momento, a débeda comercial de Galicia é a terceira parte que a da media autonómica (0,35%), logo de que Galicia conseguira reducir este indicador ata rebaixalo aos 63,8 millóns de euros.

Os datos do Ministerio de Facenda volven ratificar que Galicia continúa neste 2018 entre as comunidades que mellor atenden aos seus provedores, axilizando os pagos e evitando problemas de liquidez ás empresas que prestan servizo á Administración galega.

Comentarios