A convocatoria de axudas do "bonotaxi" acaba de ser publicada

A convocatoria de axudas do "bonotaxi" acaba de ser publicada
A convocatoria de axudas do "bonotaxi" acaba de ser publicada

Este servizo de taxi está pensado como como medio alternativo para as persoas con déficits de mobilidade ou que non poden ou presentan grandes dificultades para o uso do transporte colectivo

A Concellaría de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos vén de facer pública a resolución provisional da convocatoria de axudas individuais para o uso do "bonotaxi". Este servizo de taxi está pensado como como medio alternativo para as persoas con déficits de mobilidade ou que non poden ou presentan grandes dificultades para o uso do transporte colectivo. Ábrese un prazo de dez días para a presentación de alegacións.

O departamento que dirixe a concelleira Concha Fernández tramitou un total de 48 expedientes. A maioría das peticións, 20, corresponden a persoas con mobilidade reducida ou con algún tipo de discapacidade residentes no ámbito urbano. Outros 19 expedientes están relacionados con persoas maiores de 65 anos residentes na zona rural, e 7 corresponden a persoas con discapacidade residentes no ámbito rural.

En canto aos solicitantes das axudas, 27 son mulleres e 21 homes. Por lugar de residencia, 29 pertencen á zona rural, e 19 á zona urbana. Unicamente seis solicitudes foron denegadas. Entre todas as demais concedéronse axudas de 350, 250 ou 150 euros.

Novidades

A convocatoria de axudas do "bonotaxi" deste ano introduciu numerosas novidades con respecto á realizada en 2017, co primeiro obxectivo de ampliar o número de posibles persoas destinatarias. Así, este ano poden optar ás axudas as persoas que teñan recoñecido legalmente problemas de mobilidade, as persoas con discapacidades superiores ao 33% e as persoas maiores de 65 anos que residan no rural.

Tamén mudaron algúns requisitos de acceso. Así, desapareceu a obriga de ter un tempo mínimo de empadroamento en Santiago e incrementouse o límite de recursos para ter accesos ás axudas, que quedou fixado en 19.362,24 euros anuais. En canto ás contías a percibir, o máximo increméntase a 350 euros, 50 euros máis que na pasada convocatoria. Ademais, ampliouse o período de xustificación das axudas ata o 30 de novembro.

Comentarios
Lo más