Os socialistas alinéanse co PP para pedir unha baixada do IBI na cidade

Os socialistas alinéanse co PP para pedir unha baixada do IBI na cidade

Solicitan unha baixada do IBI nunha porcentaxe similar á suba do valor catastral, de modo que non supoña un incremento para a cidadanía nin unha perda de ingresos para a administración local

O voceiro socialista, Paco Reyes, comparecía onte en rolda de prensa para abordar a política fiscal para o vindeiro exercicio, que aínda que sexa electoral "ata maio hai un mandato e, polo tanto, existe a posibilidade de facer propostas", en clara alusión á iniciativa do PP. 

O grupo socialista plantexerá unha serie de medidas na liña das presentadas nos tres anos anteriores e, neste caso concreto, reclamará unha baixada no tipo do IBI para compensar o incremento do valor catastral promovido polo Partido Popular, de modo que "as familias non teñan unha suba nos impostos, ao mesmo tempo que non baixen os ingresos do Concello". 

Tamén como xa fixeron os socialistas neste mandato, proporán unha baixada no tipo no ICIO, o aumento do valor dos terreos de natureza urbana e vehículos de tracción mecánica, e a imposición dunha taxa ás multinacionais de telefonía e enerxía, así como á banca, polo uso do dominio público.

O concelleiro informou de que a proposición será debatida noi pleno ordinario deste mes de setembro, xa que é agora cando se teñen que modificar as ordenanzas fiscais para a súa entrada en vigor a 1 de xaneiro de 2019. Para os socialistas, resulta necesario variar as ordenanzas, sobre todo con respecto a determinadas taxas, para as que o equipo de Reyes solicita a baixada do tipo impositivo.

Iso si, o voceiro do PSdeG-PSOE quixo aclarar que a súa postura dista moito da do Partido Popular, que, como dixo, vai moito máis en clava electoral "cando aínda estamos nun mandato, que non remata ata as eleccións de maio, e polo tanto podemos, e debemos, seguir facendo propostas". 

Para Reyes, "non entendemos a baixada do tipo como PP, que o que pretende é adelgazar o sector público, mentres que nós consideramos que non se poden afogar os ingresos do Concello porque hai gastos que se teñen que facer para garantir o estado do benestar". 

Así, lembrou que cando os socialistas propuxeron a baixada do IBI en 2016 -e así foi aprobado-, non se pretendía reducir os ingresos do Concello, senón, "como quedou constatado máis adiante", compensar esa baixada nos impostos ás familias cun maior control do fraude fiscal.

O argumento dos populares vencellando a baixada impositiva coa mala xestión e o escaso nivel de execución tampouco convence a Reyes, que afirma que "entón, cun maior nivel de execución, estarían pedindo un incremento dos impostos".

Así as cousas, entendendo por unha banda que as familias compostelás aínda non se teñen recuperado da crise e das políticas antisociais do PP -mesmo existe unha situación de "desaforro", posto que os gastos son maiores á suba dos ingresos-, e asumindo que o Concello non pode reducir os ingresos para garantir o gasto público, os socialistas realizan unha serie de propostas nesta liña.

En primeiro lugar, solicitan unha baixada do IBI nunha porcentaxe similar á suba do valor catastral, de modo que non supoña un incremento para a cidadanía nin unha perda de ingresos para a administración local.

Ademais, propoñen os socialistas a baixada do ICIO, do valor dos terreos de natureza urbana e no imposto dos vehículos de tracción mecánica -lembrou Reyes que esta proposta xa fora levada polo PSdeG e rexeitada cando entón si tiñamos os catro concelleiros", polo PP-, e a creación dunha taxa á banca e multinacionais de telefonía e enerxía polo uso do dominio público. 

Esta última, como subliñou, xa fora aprobada polo pleno da corporación, polo que agarda o voceiro socialista que xa estea prevista polo goberno para 2019 e incorporados os informes pertinentes. 

Comentarios