Piden que se rebaixe o IVE na factura da luz

Piden que se rebaixe o IVE na factura da luz

O voceiro, Luís Villares, e o deputado Francisco Casal, denunciaron a insostible situación do continuo incremento no recibo da luz a causa da especulación permitida as empresas así como a carreira de obstáculos na que o PP busca converter a solicitude do Bono social eléctrico

 

O voceiro de En Marea, Luís Villares, e o deputado Francisco Casal denunciaron en rolda de prensa a insostible situación que están a vivir os fogares galegos como consecuencia do continuo incremento dos prezos no recibos da luz e as modificacións que a Xunta está a levar a cabo no proceso de solicitude do Bono Social eléctrico que provocará a exclusión de milleiros de familias. “Estamos diante dunha verdadeira electrocución dos fogares galegos” afirmou Luís Villares.

“Temos presidente que nin ve televisión publica do noso país, nin usa sanidade pública, nin paga peaxe, e vivindo en Monte Pío tampouco ten que pagar o recibo da luz e por iso non sabe o que lle costa a cidadanía chegar a fin de mes” sinalou o voceiro de En Marea. 

No noso país existen 350.000 fogares potencialmente beneficiarios do Bono eléctrico dos que o 90 por cento quedarán excluídos coas modificacións previstas polo Goberno galego, tal e como aconteceu xa o pasado ano. 

“A modificación que se pretende converter a solicitude do Bono social nunha auténtica carreira de obstáculos” incidiu Villares. Outra das cuestións que está a influír no incremento do prezo da luz é o oligopoleo eléctrico que permite o pacto entre as grandes empresas á hora de marcar o prezo da luz.

Desde o grupo parlamentario de En Marea presentarán hoxe no pleno da Cámara distintas medidas para paliar a situación actual que por unha banda irán destinadas a rebaixar o prezo da luz evitando en primeiro lugar as subidas provocadas pola especulación das hidráulicas e baixar o IVE en tramos de consumo de primeira necesidade marcando nun 4 por cento para o consumo básico para manter un fogar quente e iluminado e non o 21 por cento actual. Así mesmo, instase a investigar a distorsión da competencia na produción hidráulica.

Fronte as dificultades de acceso ao bono social eléctrico, En Marea propón por unha banda que se leve a cabo unha inversión da carga dos trámites para que se inclúan a todos as persoas potencialmente beneficiarias por parte do propio Goberno galego, acordar unha prórroga polo menos por 12 meses máis e impulsar unha campaña de información sobre o acceso ao bono eléctrico e facilitar axuda administrativa e asesoramento no relativo ás tarifas máis convenientes e aforro no recibo.

O deputado Francisco Casal puxo en evidencia as mentiras lanzadas polas grandes empresas eléctricas á hora de xustificar as continuadas subidas no recibo da luz asegurando que xusto cando as condicións deberían provocar baixadas é o momento no que se dan as subidas máis importantes. 

A falla de auga que é un dos argumentos aportados, non é certo xa que os encoros atópanse un 37 por cento máis cheos que o ano pasado, e o relativo á produción de gas tampouco é certo xa que o pasado ano foi do 17.10 por cento mentres que este foi do 12,80 por cento. 

“Estamos ante o que chaman coste de oportunidade, que non é outra cousa que un xeito elegante de referirse á especulación salvaxe que están a levar a cabo as grandes compañías gardando enerxía para vendela máis adiante cando a demanda é maior e polo tanto os prezos tamén” aclarou o deputado de En Marea.

A complicidade dos goberno queda de manifesto co nomeamento da nova responsable de vixiar as poxas eléctricas Carmen Becerril que como lembrou Casl foi ex presidenta dunha das grandes compañías eléctricas e ex directora xeral de varios gobernos do PP. “O que queren vender como condicionantes técnicos non é outra cousa que pura especulación” insistiu Francisco Casal.

Por todo isto, En Marea levará ao pleno da Cámara unha serie de medidas que permitirían evitar que centos de miles de familias teñan que sufrir unha subida inasumible da luz durante os vindeiros meses. 

Comentarios