A Mesa pola Normalización Lingüistica critica o cinismo da Xunta na súa política co galego

A Mesa pola Normalización Lingüistica critica o cinismo da Xunta na súa política co galego

Marcos Maceira: "É vergoñento escoitar o secretario xeral de política lingüística dicir que a Xunta traballa na visibilización da lingua galega"

A Mesa pola Normalización Lingüística critica o cinismo da Xunta e nomeadamente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, por diciren que apostan pola promoción do galego no ámbito económico e empresarial cando hai uns meses votaban en contra dunha iniciativa lexislativa popular (ILP) da Mesa para garantir os dereitos lingüísticos neste ámbito.

Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “é vergoñento escoitar o secretario xeral de política lingüística dicir que a Xunta traballa na visibilización da lingua galega nun ámbito no que vetaron a posibilidade de aumentar dereitos lingüísticos para a poboación. O único que fan é vender fume”.

Maceira detallou como en decembro de 2017, o Partido Popular vetaba no Parlamento Galego unha iniciativa asinada por máis de 28.000 persoas e que contaba co apoio de institucións e entidades comerciais, empresariais e sociais. A ILP promovida pola Mesa, procuraba garantir por lei os dereitos lingüísticos da poboación no ámbito socioeconómico e tamén favorecer a creación de postos de traballo no país en sectores como os da teleatención.

A Mesa denuncia o abandono de funcións por parte da Xunta e da SXPL, “o único que saben facer é vender plans de dinamización da lingua galega pantasma só para crear titulares”, en referencia aos anunciados pero non executados plans de dinamización do galego no tecido económico e o plan de dinamización do galego na mocidade.

Maceira lembrou que mentres a Xunta se dedica a facer que fai, a Liña do Galego, servizo gratuíto que ofrece a Mesa para rexistrar parabéns e queixas sobre o uso do idioma, recibe centos de queixas por vulneración de dereitos lingüísticos básicos que demostran como é necesario aprobar leis que favoreza o uso da lingua propia de Galicia.

Por último, desde a Mesa animan aos consumidores e consumidoras que non renuncien a exercer os seus dereitos, tamén os lingüísticos, pois con pequenas accións como pedir unha factura en galego ou reclamar atención na lingua propia podemos conseguir avances para o galego e tamén contribuír ao mantemento de postos de traballo no país.

Comentarios